Vázquez Mao pronunciará a conferencia inaugural do Comité Binacional de Fronteira en Uruguai
O secretario de estado de Fronteiras do goberno da Arxentina reuniuse o pasado xoves 14 en Bos Aires co secretario xeral do Eixo Atlántico, que se atopa na zona convidado polo Observatorio de Fronteiras Brasil-Uruguai para dar a conferencia inaugural do Comité Binacional de Fronteira de Intendentes e Prefeitos na cidade uruguaia de Rivera o 19 de setembro.
A reunión foi unha iniciativa de Bripam (Bloque rexional de intendentes, prefeitos e alcaldes do Mercosur) que integra ao redor de 600 concellos das fronteiras de Mercosur, especialmente nas fronteiras de Arxentina, Brasil, Uruguai e Paraguai.
Na reunión, á que tamén asistiu o secretario xeral de Bripam, Ramón Ortellado, xunto con representantes desta organización e da Secretaría de Estado de Fronteiras, realizouse unha revisión da experiencia do Eixo Atlántico, así como dos principais programas impulsados polos concellos e polos gobernos de España e Portugal na fronteira.
Centro coordinador de Emerxencias
Unha das iniciativas que máis interese espertou no secretario de Fronteiras foi a Comisaría Conxunta de Tui así como a necesaria cooperación entre a protección civil entre ambos os países en toda a fronteira hispano portuguesa, onde se enmarca a proposta do Eixo Atlántico e Riet de crear un Centro Coordinador das Emerxencias na Fronteira.
Outros aspectos que interesaron especialmente aos asistentes foi o camiño portugués de Santiago, xa que Bripam co apoio do Goberno arxentino está a preparar unha iniciativa chamada “Os camiños jesuíticos”, que pretende pór en valor a fronteira a través as rutas e pegadas que deixaron as xesuítas.
Na reunión tamén se analizaron experiencias de cooperación empresarial e no ámbito da cultura, deporte, turismo e mocidade nas que o Eixo Atlántico ten xa unha gran experiencia, así como iniciativas no ámbito da sostibilidade, como é o caso da Axencia de Ecoloxía.
Durante esta xuntanza abordáronse tamén as posibilidades de cooperación a curto prazo entre o goberno arxentino e o Eixo Atlántico. Neste sentido Vázquez Mao convidou ao secretario de Estado a visitar a Eurorrexión para coñecer sobre o terreo as experiencias e manter reunións con responsables políticos e empresariais de ambos os países co fin de impulsar un foro permanente de cooperación entre as fronteiras da Península Ibérica e de Mercosur, nucleadas ao redor da experiencia arxentina.
A Secretaría de Fronteiras foi creada polo Goberno Macri para impulsar políticas de desenvolvemento e seguridade nas fronteiras de Arxentina con Chile, Brasil Uruguai e Paraguai.
Galería de imaxes
https://www.eixoatlantico.com/gl/noticias/eixo-atlantico/o-goberno-arxentino-interesase-polos-proxectos-de-cooperacion-do-eixo-atlantico#sigProId919096f85d