Elaborarase unha guía do termalismo da Eurorrexión, que estará lista a finais de ano
Co obxectivo de impulsar a promoción termal do territorio do Eixo Atlántico, dado o potencial turístico que este recurso natural posúe, a entidade transfronteiriza impulsa o Foro Termal do Eixo Atlántico.
Esta mañá tivo lugar no Auditorio Municipal de Caldas de Reis a terceira reunión de traballo para a constitución do Foro Termal do Eixo Atlántico, que levará a cabo accións para a promoción de hábitos biosaudables, a investigación en colaboración coas universidades, a promoción conxunta dos destinos termais, captación de recursos de financiamento con programas e planos europeos ou a formación e visibilidade dos recursos propios, tanto termais como históricos e patrimoniais.
En concreto, durante a reunión decidiuse elaborar unha guía do termalismo da Eurorrexión, que estará lista a finais de ano. Esta acción levarase a cabo a través dunha comisión presidida polo concello de Ourense.
Porase en marcha tamén un Club da Auga, co obxectivo de favorecer a compra de augas de excelencia da Eurorrexión, así como ofertas termais e promocións das cidades. A Eurocidade Chaves-Verín será a encargada de presidir a comisión que xestionará esta actividade.
Vaise elaborar tamén un inventario das necesidades do termalismo, que serán trasladadas aos gobernos rexionais, nacionais e a Unión Europea. O concello de Caldas de Reis presidirá esta terceira comisión.
Durante a reunión acordouse tamén organización dun Seminario de Intercambio de Experiencias, que aborde o estado do termalismo na Eurorrexión e as medidas para impulsalo, así como estudar as posibilidades de financiamento comunitarias para algunhas destas actividades.
As cidades participantes acordaron que o presidente do Foro Termal sexa Nuno Vaz, alcalde do concello portugués de Chaves.
Nesta terceira reunión participaron representantes das cidades de Lugo, Carballiño, Caldas de Reis, Ourense, O Grove, Santo Tirso, Santa Maria da Feira, Guimarães, Vila Pouca de Aguiar, Eurocidade Chaves-Verín, Vizela e Terras de Bouro.
Por último, tamén se acordou que o foro estea integrados unicamente por concellos termales, se ben o sector privado participará por invitación dos alcaldes
Estratexia conxunta
Esta rede termal ten como misión desenvolver unha estratexia conxunta de divulgación, promoción e posta en valor do termalismo e a cultura e patrimonio termal da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, ao que se sumará a promoción do intercambio de boas prácticas e a participación conxunta en proxectos e iniciativas de todo tipo.
GALERÍA DE IMAXES
https://www.eixoatlantico.com/gl/noticias/eixo-atlantico/o-foro-termal-do-eixo-atlantico-comeza-as-suas-actividades#sigProId1299e7da83