Os expertos alertan da nesidade de mellorar a “Cooperación Transfronteiriza na prevención e extinción de incendios forestais no Eixo Atlántico"
O informe presentado onte recolle a necesaria creación dunha Unidade Central Coordinadora das Emerxencias, con mando sobre todas as forzas que combaten os incendios
A coordinación e a cooperación entre as distintas administracións a un lado e outro da fronteira é unha materia pendente para estar mellor preparados no caso de incendios forestais. A inexistencia deste intercambio de información que pode resultar vital para evitar situacións de riscos é un dos problemas que destacan os expertos autores de Cooperación Transfronteiriza na prevención e extinción de incendios forestais no Eixo Atlántico, que foi presentado onte na sede viguesa da asociación.
Identificar oportunidades de cooperación que permitan desenvolver un traballo máis efectivo en materia de prevención e combate dos incendios foi o propósito central do estudo que foi presentado este mércores en Vigo polo seu coordinador, Juan Picos director da Escola de Enxeñaría Forestal, xunto co presidente do Eixo Atlántico, Alfredo García, e o secretario xeral, Xoán Vázquez Mao.
Realizado conxuntamente co inspector xefe de área forestal da Generalitat de Cataluña Marc Castelnou e o coordinador técnico do Grupo de Análise e Uso do Fogo e do Grupo de Especialistas de Fogo Controlado da Autoridade Florestal Nacional portuguesa, Antonio Salgueiro, o estudo pon o acento na necesaria cooperación entre diferentes administracións e axentes a ambos lados da raia, co propósito de desenvolver iniciativas que permitan enfrontar, nas mellores condicións, esta ameaza constituída polos grandes lumes forestais, normalmente asociados a condicións meteorolóxicas extremas e de difícil control na emerxencia.
Entre as medidas recollidas no informe, inclúese a creación dunha Unidade Central Coordinadora das Emerxencias, “que teña mando sobre todas as forzas que combaten os incendios, para poder acadar así unha planificación conxunta na loita contra o lume”, segundo destacou Vázquez Mao.
Pola súa banda, Alfredo García explicou que detrás do mal endémico dos incendios forestais está o feito de que “se o territorio é improductivo, non lle interesa a ninguén", por iso fixo fincapé en que non se pode quedar todo só na extinción. "Non queremos dar leccións a ninguén, pero ofrecemos este documento ás administracións, porque hai que ponerse xa a andar”.