Skip to main content

O Eixo reclama que os concellos xestionen directamente fondos europeos para a reactivación

O Eixo reclama que os concellos xestionen directamente fondos europeos para a reactivación

Envía unha carta ao presidente do Goberno asinada polo presidente da entidade, Ricardo Rio e a vicepresidenta, Lara Méndez

O Eixo Atlántico remitiulle unha carta ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, na que lle solicita a participación directa dos concellos na xestión dos fondos europeos para a reactivación económica despois da crise sanitaria provocada pola Covid19.

Na carta asinada polo presidente do Eixo Atlántico e alcalde de Braga, Ricardo Rio; e pola vicepresidenta do mesmo e alcaldesa de Lugo, Lara Méndez indícase que “os concellos xogamos un papel determinante na loita contra o coronavirus, tanto no ámbito da prevención como no da atención do benestar social, especialmente nos casos dos colectivos máis vulnerables e en risco de exclusión social”.

Ademais, lembra que os concellos, no exercicio das súas competencias, tamén activaron “medidas económicas enfocadas a apoiar ás familias e ao tecido económico local, co que manteñen un estreito contacto permanentemente”.

“É por iso que queremos trasladarlle o acordo da Comisión Executiva da nosa entidade celebrada de forma telemática o pasado venres, 29 de maio. Neste sentido, queremos expresarlle en primeiro lugar a necesidade de contar coa participación dos nosos concellos na xestión da recuperación e na atribución e programación dos fondos europeos destinados a tal fin”, engade.

Así mesmo, recoñece que “aínda que nestes momentos os fondos sociais de carácter paliativo son imprescindibles, dada a situación pola que están a pasar moitos dos nosos cidadáns”, tamén preocupa entre as entidades locais “que os fondos para a recuperación sexan maioritariamente destinados a subsidiar, en detrimento de o investimento produtivo que xera actividade económica”.

“Cremos por iso da maior importancia que unha parte maioritaria destes fondos sexa destinada a autónomos e pequenos empresarios para que poidan volver abrir as súas portas e impulsar as contratacións; autónomos e pequenos empresarios ou cooperativas, en suma emprendedores, que teñen un peso moi importante na economía das nosas cidades?, indica a carta ao presidente do Goberno.

Por iso,  destaca a achega dos concellos, dado que son os que mellor coñecen o tecido produtivo local e cales son os sectores que verdadeiramente o necesitan, para retomar a actividade económica e con iso a recuperación.