O Eixo Atlántico solicita ao presidente da Xunta a convocatoria do plenario da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal para discutir un plan de investimentos transfronteirizo
A comisión executiva celebrada hoxe acordou tamén dirixirse aos primeiros ministros de España e de Portugal para instarlles a que os fondos que se reciban de Europa sexan maioritariamente investimento produtivo e non exclusivamente subsidios
A Comisión Executiva do Eixo Atlántico celebrada telematicamente esta mañá acordou solicitar con carácter de urxencia ao presidente da Xunta na súa condición de presidente da Comunidade de Traballo Galicia- Norte de Portugal, a convocatoria urxente dun plenario do devandito órgano para discutir o plan de investimentos transfronteirizo que segundo recollen os medios de comunicación hoxe acordaron elaborar o Presidente da Xunta e Presidente da CCDR-n e no que o Eixo Atlántico reclama a participación de todos os sectores implicados na cooperación: Concellos, empresarios, sindicatos e universidades.
Así mesmo, a comisión executiva acordou dirixirse aos primeiros ministros de España e de Portugal para instarlles a que os fondos que se reciban de Europa sexan maioritariamente investimento produtivo e non exclusivamente subsidios, que aínda que son necesarios neste momento para as situacións de emerxencia social, non deben xerar unha sociedade subsidiada senón unha sociedade que poida ser produtiva.
Neste sentido, reclaman a participación dos concellos na programación e distribución dos devanditos fondos, con especial atención aos sectores produtivos do territorio, a prioridades como as redes dixitais cuxa importancia se está visualizando durante a pandemia e moi especialmente no medio rural, e por suposto ás infraestruturas para o desenvolvemento máis necesarias que nunca, no ámbito das comunicacións marítimas e ferroviarias.
Igualmente o Eixo Atlántico convocará no mes de setembro unha conferencia de alcaldes e expertos que debaterán e aprobarán propostas operativas para o proceso de reconstrución tanto no ámbito das súas propias competencias como no ámbito das competencias nacionais e autonómicas.