Skip to main content

O Eixo Atlántico reúnese en Pillac (Francia) para avanzar na prevención de incendios e na recuperación de espazos queimados

O Eixo Atlántico reúnese en Pillac (Francia) para avanzar na prevención de incendios e na recuperación de espazos queimados

O Eixo Atlántico avanza na elaboración dunha política común de prevención de incendios no marco do proxecto europeo USE4FOREST

O Eixo Atlántico reuniuse na localidade francesa de Pillac para avanzar no deseño dunha política de prevención de incendios e recuperación de espazos forestais afectados, no marco do proxecto USE4FOREST, financiado polo programa Interreg Sudoewhatsapp image 2025 10 28 at 15.02.35 1

Durante dúas xornadas de traballo, 22 representantes de entidades españolas, portuguesas e francesas participaron nas sesións celebradas en Pillac, co obxectivo de identificar e deseñar estratexias comúns fronte aos incendios forestais e a restauración das zonas queimadas.

O proxecto USE4FOREST está impulsado polo Eixo Atlántico e liderado pola Dirección Xeral de Montes da Xunta de Galicia, coa participación da Deputación de Ourense, a Universidade de Vigo, a Comunidade Intermunicipal de Trás-os-Montes, a Autoridade Nacional de Proteção Civil de Portugal e o Instituto Politécnico de Bragança, xunto con socios franceses da rexión de Charente, unha das máis afectadas polos incendios forestais no país galo.

A iniciativa combina a investigación científica en materia de prevención de incendios, dirixida por Juan Picos, profesor da Universidade de Vigo e asesor do Eixo Atlántico, coa acción institucional e administrativa dos organismos responsables da xestión forestal e da protección civil dos tres países participantes.

Esta foi a terceira reunión, na que se presentaron os avances dos traballos desenvolvidos durante o ano e os primeiros borradores dos documentos estratéxicos. Os resultados non só servirán para reforzar as políticas de prevención nos territorios socios, senón que tamén serán remitidos á Comisión Europea e ao Parlamento Europeo, co obxectivo de impulsar unha política europea máis activa de loita contra os incendios forestais.

A vindeira reunión do proxecto celebrarase no mes de maio de 2026 en Galicia.