O Eixo Atlántico reuniu en Esposende expertos e responsables políticos das cidades do Minho que forman parte da organización para avanzar nos estudos previos da futura Área Funcional do Minho.
O encontro, realizado no marco do Grupo de Traballo do Minho, liderado por Mário Constantino, presidente da Câmara Municipal de Barcelos, presentou as propostas de traballo para a realización de catro estudos estratéxicos que permitirán avaliar o potencial e a viabilidade deste territorio como Área Funcional.
Os estudos analizarán diferentes dimensións do Minho, nomeadamente a súa organización territorial e dinámica urbana, o papel do Porto de Viana do Castelo no desenvolvemento rexional, así como os ámbitos da economía, a innovación, a loxística e o turismo.
Esta iniciativa pretende afondar no coñecemento das potencialidades do territorio e reforzar a cooperación entre os municipios, promovendo unha visión conxunta para incrementar a competitividade, a cohesión e a afirmación do Minho como espazo estratéxico do Norte de Portugal.
O Grupo de Traballo do Minho está integrado polos municipios de Braga, Barcelos, Esposende, Fafe, Felgueiras, Guimarães, Viana do Castelo e Vila Nova de Famalicão.