O Eixo Atlántico reúne a súa comisión executiva en Mirandela coas infraestruturas como protagonistas
Os alcaldes aprobaron por unanimidade que Braga sexa a sede da feira do turismo de proximidade Expocidades en 2019
Durante a reunión da comisión executiva do Eixo Atlántico, celebrada onte en Mirandela, aprobouse o Informe sobre o Segundo Paquete de Infraestruturas presentado polos expertos autores do mesmo, que será remitido a todos os concellos para a súa aprobación definitiva e así poder comezar a negociación con ambos os gobernos.
En concreto, os autores deste informe son o catedrático de Ferrocarrís da Universidade da Coruña, Miguel Rodríguez Bugarín, e Fernando González Laxe, Catedrático de Economía Aplicada da Universidade da Coruña e ex presidente da Xunta de Galicia.
A comisión executiva tamén aprobou o Informe sobre cooperación transfronteiriza na prevención e extinción de incendios forestais no Eixo Atlántico, presentado polo profesor da Facultade de Enxeñaría Forestal de Pontevedra (Universidade de Vigo), coautor do mesmo xunto a Marc Castellnou Ribau e António Joaquim Salgueiro Rocha da Silva.
Durante a reunión os alcaldes membros da executiva foron informados o éxito que supón a proposta da Comisión Europea para a integración da liña ferroviaria A Coruña-Vigo-Ourense-Monforte-O Barco-Palencia no Corredor Atlántico europeo, así como das xestións políticas que conduciron a este resultado.
A comisión executiva tamén coñeceu os avances do Plan de Acción da Axenda Urbana do Eixo Atlántico, que segue o calendario previsto así como da necesaria coordinación coa Axenda 2030 de Nacións Unidas.
Próximas citas
No plano operativo, a comisión executiva aprobou por unanimidade, á proposta do Grupo Temático de Turismo, que a cidade de Braga acolla o próximo ano a feira do turismo de proximidade Expocidades (do 31 de maio ao 2 de xuño) e que Barcelos sexa a sede do próximo Seminario de Intercambio de Experiencias no ámbito do Turismo, en novembro deste ano.
Por último, acordouse que a próxima comisión executiva se celebre en Pontevedra a finais de ano e que a asemblea xeral de 2019 teña lugar no Barco de Valdeorras, en febreiro.
Galería de fotos