O Eixo Atlántico reforza a súa aposta por un turismo sostible e descentralizado coa reunión internacional de Monforte e a visita de estudo a Lugo
O Eixo Atlántico está a elaborar un novo modelo turístico baseado no turismo de excelencia, que pon no centro o coñecemento profundo do territorio, o seu patrimonio e a súa natureza. Este modelo articúlase a partir de dous conceptos clave: o turismo de autor e o turismo policéntrico, como alternativa ao turismo de masas que, en moitos destinos, xa está a provocar efectos negativos sobre o entorno e a xerar rexeitamento por parte da poboación local. 
Este novo enfoque busca fomentar un turismo máis respectuoso, equilibrado e sostible. O turismo de excelencia non significa un turismo caro ou inaccesible, senón de calidade, auténtico e adaptado ás características de cada territorio. Trátase de atraer visitantes que valoren a identidade, a cultura e o entorno natural, e que contribúan ao desenvolvemento local sen xerar desequilibrios.
Neste contexto, esta semana, a provincia de Lugo acolle a visita de estudo do proxecto europeo POST (Turismo Policéntrico Sostible), liderado polo Eixo Atlántico e no que participan entidades de España, Portugal, Irlanda e Francia, e organizado en colaboración cos concellos de Monforte e Lugo, e coa Deputación de Lugo. Esta provincia é un referente para implantar este modelo turístico grazas ao Camiño de Santiago (un modelo consolidado que combina sostibilidade, respecto polo medio ambiente, valorización do patrimonio e dinamización económica do territorio), a Ribeira Sacra, o Courel ou os Ancares, xunto coa monumentalidade de Lugo, Monforte e outras zonas da provincia como Vilalba ou a Mariña Lucense.
No marco desta visita, os socios do proxecto percorrerán boa parte destes enclaves emblemáticos. En Monforte de Lemos celebrarase un encontro con axentes locais vinculados ao sector turístico —como hostaleiros, restauradores e adegas— co fin de coñecer as súas experiencias e recoller as súas achegas sobre como desenvolver este novo enfoque turístico.
O grupo de socios foi recibido hoxe oficialmente pola tenente de alcalde de Monforte de Lemos, Gloria Prada; o alcalde de Lugo, Miguel Fernández; o deputado de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera Capó; e o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao.
O turismo é un elemento clave da nosa economía e un dos que máis sufriu as consecuencias da pandemia. Por iso, o Eixo Atlántico presta unha atención especial a este sector económico coa organización de Expocidades, a feira do turismo de proximidade, que este ano se celebrou en Sarria, e coa Guía Turística Dixital do Eixo Atlántico, unha ferramenta innovadora que permite ao usuario personalizar a súa viaxe por Galicia e o Norte de Portugal, fomentando así un turismo máis consciente e conectado co territorio.
Os resultados finais do proxecto POST presentaranse nos vindeiros meses e trasladaranse á Comisión Europea para contribuír ao deseño da futura política de turismo europea, así como ás cidades e entidades do Eixo Atlántico co obxectivo de analizar as potencialidades turísticas específicas de cada zona e valorar como poden implantarse estes novos conceptos de forma adaptada a diferentes realidades, para, posteriormente, trasladalo ao conxunto da Unión Europea. A definición e identificación da posta en marcha deste modelo de turismo está a ser viabilizada pola Comisión Europea a través do programa Espazo Atlántico.

- Entrevista RNE Lugo - Xoán Vázquez Mao