A Asociación Monfortina de Amigos do Ferrocarril galardoou ao Eixo Atlántico polo seu interese, compromiso e defensa do ferrocarril en Galicia
Esta mañá, o Eixo Atlántico recibiu o Premio Monforte ao Ferrocarril, un galardón organizado pola Asociación Monfortina de Amigos do Ferrocarril (Amafer). O acto, presentado polo alcalde, José Tomei Roca, e membros do Comité Evaluador, celebrouse no Concello de Monforte.
Lara Méndez, Presidenta do Eixo Atlántico, e Xoán Vázquez Mao, Secretario Xeral, estiveron presentes na recepción do premio. A Presidenta quixo agradecer o galardón: ?É a primeira vez que se concede a unha institución, polo que é para min, un orgullo e unha honra recibilo sabendo que pertence aos homes e mulleres que levan máis de 30 anos defendendo os intereses da Eurorrexión e traballando para conseguir melloras no noso territorio?.
Lara Méndez quixo facer tamén unha mención especial ao Secretario Xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, polo seu labor permanente e comprometido á fronte do organismo transfronteirizo e tamén ao alcalde de Monforte, José Tomei, como presidente da Comisión de Cohesión Social. "Un aspecto indispensable, porque sen cohesión territorial non hai cohesión social, especialmente cando o último fin que perseguimos é incrementar a calidade de vida das persoas e esta pasa porque poidan vivir alí onde elixen e sempre en condicións de igualdade de oportunidades"
Nesta cuarta edición, o Comité Evaluador, formado por membros do Concello de Monforte, a Deputación de Lugo, a Xunta, o Colexio de Xornalistas de Galicia e o colexio galego de enxeñeiros de camiños, canles e portos, sinalou que considera merecedor desta distinción ao Eixo Atlántico «polo interese, compromiso e defensa do ferrocarril en Galicia que reiteradamente vén manifestando".
O Comité Evaluador engadiu que "A organización, por parte do Eixo Atlántico, de foros para o debate e a achega de estudos técnicos que vinculan as redes férreas da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal serven como elemento para dar a coñecer a cuestión ferroviaria e reivindicar o ferrocarril en Galicia, establecendo vínculos sociais e económicos no conxunto da Eurorrexión".
Trátase da primeira entidade en recibir esta distinción no catro anos de celebración do premio Monforte ao Ferrocarril.
O Eixo Atlántico, nos seus 30 anos de existencia, sempre considerou as infraestruturas como un elemento central para o desenvolvemento da Eurorrexión. Xogou un papel determinante na liña Porto-Vigo, cando xa estaba anunciada a súa desaparición, e tamén na liña Lugo-Ourense.
Actualmente, o Eixo Atlántico está a centrar os seus esforzos en abordar o mapa ferroviario de Galicia coa saída sur de Vigo e as variantes Rubián e Vos Peares-Canabal, na liña Lugo-Ourense, así como a conexión de Ferrol-A Coruña e, á súa vez, con Lugo e Monforte.
Lara Méndez, Presidenta do Eixo Atlántico e Alcaldesa de Lugo, e o vicepresidente, Ricardo Río, Presidente da Cámara Municipal de Braga, xa solicitaron unha reunión con Raquel Sánchez, Ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, para abordar o mapa ferroviario de Galicia e as actuacións para a súa finalización.
Esta solicitude faise no contexto das reunións que están a manter con altos responsables do Goberno de Portugal desde hai uns meses, cos que trataron o inicio prioritario do proceso construtivo do tramo denominado saída sur de Vigo que enlaza coa nova liña Lisboa-Porto-Braga.