O Eixo Atlántico recibe a sete países para debater solucións fronte á crise demográfica

Expertos internacionais analizan modelos de repoboación
No marco do seu traballo no ámbito demográfico, o Eixo Atlántico está a analizar o papel dos nómades dixitais, un colectivo caracterizado pola súa alta cualificación e poder adquisitivo, que pode converterse nun público clave para os territorios do interior. A súa presenza contribúe tanto á repoboación como á captación de talento, un recurso esencial para impulsar novas iniciativas empresariais e proxectos de innovación.
O Eixo Atlántico lidera o proxecto EDIN, cofinanciado polo programa Interreg Europe e integrado por un grupo de sete países, co obxectivo de trasladar estas experiencias e mellorar os instrumentos de política para a atracción de nómades dixitais, así como de formular propostas concretas á Comisión Europea como resultado deste proceso de intercambio de experiencias e boas prácticas aplicables ás políticas europeas en materia demográfica e de desenvolvemento rural.
O programa inclúe varias visitas de estudo en distintos territorios, orientadas a coñecer iniciativas transformadoras sobre o terreo. Nesta ocasión, a visita desenvolveuse en Galicia, tomando como base a cidade de Lugo, grazas á forte implicación do Concello e do seu alcalde cos proxectos do Eixo Atlántico.
O itinerario incluíu paradas en experiencias de referencia, como a Casa Quindós, proxecto do director de cine Oliver Laxe, un espazo cultural e comunitario ligado á creación e dinamización cultural no rural; o proxecto de recuperación de O Barco de Valdeorras, exemplo de revitalización territorial; e o Centro de Innovación Territorial de Ponferrada, espazo estratéxico a nivel provincial, concibido como lugar de colaboración para impulsar e compartir experiencias que fortalezcan a vida social e económica das zonas rurais.
Con estas accións, o Eixo Atlántico reforza o seu compromiso de ofrecer solucións concretas e transferibles ao conxunto de Europa, situando o interior como protagonista dunha estratexia que combina repoboación, innovación e sustentabilidade.