O Eixo Atlántico propón un conxunto de medidas para solucionar os problemas na fronteira entre Galicia e Portugal
Suxire a apertura de máis pasos fronteirizos, que os controis de limitación de mobilidade se establezan á saída das cidades e un novo tratado bilateral hispano-portugués para recoñecer ás Eurocidades como consorcios urbanos transfronteirizos
2 de febreiro de 2021. Tras as novas medidas de restrición da mobilidade decretadas por Portugal ante a terceira vaga da pandemia do coronavirus, entre as que se inclúe unha limitación do movemento intrafronteirizo nas próximas dúas semanas, o Eixo Atlántico propón un conxunto de medidas para solucionar os problemas de mobilidade na fronteira entre Galicia e o norte de Portugal e mitigar o impacto económico, detalladas onte polo secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao, en declaracións a Radio Nacional de España, entre as que se inclúen a apertura de máis accesos e o cambio de localización dos controis ás saídas das principais urbes.
O Eixo Atlántico suxire, con carácter inmediato, a apertura de máis pasos fronteirizos entre ambos territorios. Tamén que os controis de limitación de mobilidade se establezan nas zonas periféricas á saída das cidades clave coa fin de que os territorios limítrofes que fan vida en común, como Tui e Valença do Minho, poidan funcionar como unha cidade única á hora de desprazarse ao traballo ou acceder aos recursos comúns, como a adquisición de bens e servizos esenciais.
A organización propón, ademais, a elaboración dun novo tratado bilateral hispano-portugués que substitúa o actual Tratado de Valencia (de máis de 15 anos de antigüidade) para recoñecer ás Eurocidades como consorcios urbanos transfronteirizos, o que lles permitiría dotarse de competencias propias, como o establecemento de limitacións á mobilidade.
Desde este domingo, os pasos fronteirizos entre Galicia e o norte de Portugal están limitados ao paso fronteirizo de Feces de Abaixo, entre a localidade galega de Verín e a portuguesa de Vila Verde da Raia, e o que une as localidades de Tui (Galicia) e Valença do Minho (Portugal). O paso entre Salvaterra do Miño e Monçao mantén unha limitación de apertura, de luns a venres, dúas horas pola mañá –de 8.00 horas a 10:00 horas, hora española; e de 7:00 horas a 9:00 horas, hora portuguesa– e dúas horas por la tarde –de 18:00 horas a 20:00 horas, hora portuguesa, e de 19:00 horas a 21:00 horas, hora española–. No ámbito ferroviario, os dous traxectos diarios entre Oporto e Vigo, un por sentido, foron suspendidos.