Skip to main content

O Eixo Atlántico propón ás súas cidades apostar por novas liñas de financiamento europeo

O Eixo Atlántico propón ás súas cidades apostar por novas liñas de financiamento europeo

Celebrouse unha xornada en Betanzos con responsables dos programas Horizonte Europa, LIFE e Nova Bauhaus Europea, dirixida ás cidades do Eixo Atlántico

Fronte á idea de que os fondos europeos poderían desaparecer, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, afirma que nunca desaparecerán: “os fondos europeos son como a materia: nin se crean nin se destrúen, transfórmanse”. O Eixo Atlántico propón ás súas cidades apostar por novas liñas de financiamento europeo. 3 250529 jornada fondos europeos betanzos 15

Neste sentido, desde o Eixo Atlántico estase a aconsellar aos concellos asociados que non se limiten unicamente aos fondos tradicionais e que, sen renunciar a eles, aposten por novos programas que contan cunha importante dotación orzamentaria e cun forte compoñente de innovación en materia de política urbana.

Programas históricos como o LIFE, que redefiniu os seus obxectivos e prioridades no eido do medio ambiente urbano e da sustentabilidade; Horizonte Europa, centrado na investigación, innovación e desenvolvemento sustentable; ou a Nova Bauhaus Europea, que combina a creación de espazos coa inclusión social e a beleza estética, son algunhas das novas apostas da Comisión Europea ás que as cidades do Eixo Atlántico deben concorrer.

Con este obxectivo, celebrouse en Betanzos unha xornada informativa para as cidades do Eixo Atlántico na que os responsables destes tres programas en España e Portugal informaron ás persoas asistentes sobre os seus obxectivos, prioridades e as mellores estratexias para preparar candidaturas exitosas.

A sesión, baixo o título “Innovando o xeito de pensar os nosos municipios”, estivo a cargo de Luís Nobre, presidente do Eixo Atlántico; María Barral, alcaldesa de Betanzos; e Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico.

Esta xornada enmárcase nunha das liñas de traballo do Eixo Atlántico, centrada en ofrecer información e formación ás cidades, especialmente en eidos innovadores, e en propoñer novas vías que incentiven a participación en convocatorias europeas que, á súa vez, xeren novas oportunidades de financiamento para a mellora do medio ambiente urbano.

Ponencias: 

2 250529 jornada fondos europeos betanzos 11