O Eixo Atlántico promove na Coruña o debate sobre un modelo turístico sostible no V Seminario de Intercambio de Experiencias
Unha xornada de traballo que reuniu representantes institucionais do sector turístico dos municipios do Eixo Atlántico para avanzar cara a un modelo de crecemento sostible, equilibrado e respectuoso co territorio e coa poboación local
O Eixo Atlántico celebrou na cidade da Coruña o V Seminario de Intercambio de Experiencias no Ámbito do Turismo, unha xornada de traballo que reuniu representantes institucionais, profesionais e persoal experto do sector turístico de Galicia e do norte de Portugal co obxectivo de avanzar cara a un modelo de crecemento sostible, equilibrado e respectuoso co territorio e coa poboación local.
A sesión de apertura contou coa participación de Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico; Susana Ribeiro, presidenta do Grupo Temático de Turismo do Eixo Atlántico; e do concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica da Coruña e primeiro tenente de alcaldesa, José Manuel Lage.
Durante a súa intervención, Lage presentou a experiencia do Goberno local da Coruña na aplicación de políticas orientadas a compatibilizar a dinamización turística coa protección da calidade de vida da veciñanza. Neste sentido, salientou a importancia de avanzar cara a un modelo que manteña o atractivo crecente da cidade sen perder a súa identidade nin alterar a forma de vida local, apostando por un equilibrio sostible entre actividade económica e benestar social.
O concelleiro tamén destacou as medidas impulsadas polo Concello para redistribuír os beneficios económicos derivados do turismo, entre elas a implantación da taxa turística, que cualificou como unha ferramenta útil para reforzar a sustentabilidade do modelo sen comprometer a chegada de visitantes.
Ao longo da xornada desenvolvéronse diferentes mesas de traballo centradas na estratexia de turismo sostible e policéntrico e na análise de boas prácticas no territorio do Eixo Atlántico. As sesións foron moderadas por representantes municipais e do propio organismo, e reuniron perfís diversos procedentes da xestión turística de cidades como Santiago de Compostela, Porto, Guimarães e Braga, así como persoal técnico da Deputación de Ourense e especialistas do ámbito académico e da cooperación territorial.
Entre as persoas relatoras destacaron perfís de ampla traxectoria como Fátima Santos, responsable da estratexia de sustentabilidade turística do Porto e participante en redes internacionais de referencia; Isabel Ferreira, vereadora de Turismo de Guimarães e docente universitaria cunha sólida carreira na administración pública; Flavia Ramil, xerente de Turismo de Santiago de Compostela, con experiencia en planificación e xestión integral de destino; e Ana Ladeiras, experta en cooperación territorial e proxectos europeos vinculados ao turismo.
Tamén participaron Filipe Fernandes, adxunto ao presidente da Cámara Municipal de Braga e investigador en ciencia política, e Francisco Javier Rodríguez Novoa, responsable de Programas Europeos da Deputación de Ourense, con ampla experiencia en desenvolvemento local e xestión de iniciativas comunitarias.