Skip to main content

O Eixo Atlántico promove a Via Nova como oportunidade no 50 aniversario de Aquis Querquennis

O Eixo Atlántico promove a Via Nova como oportunidade no 50 aniversario de Aquis Querquennis

O Concello de Bande organizou unha xornada interterritorial para fortalecer a cooperación, a investigación e a valorización do patrimonio na Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal

A xornada tivo como obxectivo xeral fortalecer a cooperación institucional, científica e social entre municipios, centros de investigación e entidades do territorio transfronteirizo hispano-luso, promovendo a creación de alianzas estables, proxectos conxuntos e a valorización do patrimonio cultural e natural compartido como eixo de desenvolvemento sostible. Entre os obxectivos estratéxicos destacaron: consolidar unha gobernanza transfronteiriza, promover a valorización integral do patrimonio, impulsar a cooperación científica aplicada ao territorio e situar o eixo Galicia–Norte de Portugal como laboratorio de boas prácticas europeas en xestión do patrimonio e desenvolvemento local sostible.

O programa incluíu unha apertura e recepción dos participantes, seguida do acto de benvida institucional a cargo de Sandra Quintas Vázquez, alcaldesa de Bande; Cecilio Santalices Mourille, xefe da área de Turismo de Ourense; e Xoán Vázquez Mao, Secretario Xeral do Eixo Atlántico, que presentou o proxecto “A VIA NOVA. Circuíto Cultural da Romanización na Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal”, financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa Interreg V-A España–Portugal (POCTEP) 2014–2020.

A xornada continuou con tres paneis centrados en proxectos en marcha, exemplos de boas prácticas e un espazo de debate para a creación dunha carteira de proxectos con potencial de financiamento Interreg, NextGenerationEU e FEDER. Entre as intervencións destacaron investigadores e técnicos de entidades como a Fundación CEER, Universidade do Minho, IGME, INCIPIT-CSIC e Universidade de Vigo, que expuxeron proxectos relacionados coa conservación do patrimonio, teledetección de vías romanas, análise paisaxística e valorización do territorio.

A sesión rematou cunha mesa de traballo participativa e un xantar de confraternización, reforzando así o espírito de cooperación e diálogo entre os territorios da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal.