O Eixo Atlántico presentou as políticas sociais que promoven a cohesión transfronteiriza
A Comisión Política de Política Social do Eixo Atlántico, celebrada o pasado 24 de marzo Lugo, foi presidida polo Presidente da Deputación de Lugo e da Comisión Política, José Tomé Roca, e polo Secretario Xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao
Na reunión tamén participaron o Alcalde do Concello de Carballo, Evencio Ferrero; a tenente de Alcalde do Concello de Ribeira, María Sampedro; a Vereadora de Cohesión Social da Cámara Municipal de Braga, Carla Sepúlveda;; e o Vereador de Gaia e presidente do Grupo de Traballo de Deportes, Guilherme Aguiar. Tamén asistiron Roberto San Salvador e Fernando Villatoro, catedrático e investigador, respectivamente, da Universidad de Deusto.
O traballo que realiza o Eixo Atlántico para o desenvolvemento da Axenda Urbana inclúe a organización de catro comisións políticas temáticas. Unha delas é a de Política Social xa que un dos obxectivos principais da entidade é garantir e promover a cohesión social e económica do territorio de Galicia e do norte de Portugal, polo que as políticas sociais son unha ferramenta fundamental para avanzar nese equilibrio.
Dentro das políticas sociais cédese unha especial relevancia ao mundo rural. O asistentes á comisión coincidiron en que se deben achegar os servizos públicos ao rural para que se lles permita ao seus habitantes seguir vivindo nel. Neste sentido, tamén se lembrou que se está a liderar unha proposta para que se destinen fondos europeos á mellora da mobilidade no rural para fixar poboación no territorio e para atraer turismo.
O Presidente da Comisión de Política Social asegurou que está convencido de que: “Desde o Eixo Atlántico seguiremos cooperando para sacar adiante accións e medidas que contribúan a continuar avanzando na mellora da cohesión social e económica. A cooperación entre territorios veciños, como a que se produce ao amparo do Eixo Atlántico dende hai 30 anos, é unha potente ferramenta para chegar, xuntos, máis lonxe do que seríamos capaces de facer por separado”.
Dentro das accións a desenvolver dende o Eixo Atlántico, acordouse traballar na loita contra a fenda transversal de xénero, a fenda xeracional e a fenda dixital, así como a creación dun ecosistema de innovación transformadora, é dicir, unha gobernanza transversal que incida na economía, no ámbito social, medioambiente e na identidade cultural, enfocando os traballos de forma conxunta.