O Eixo Atlántico participa no Día da Cooperación Interreg 2026, celebrado no Auditorio de FEUGA, en Santiago de Compostela, baixo o lema «Máis fortes xuntos: proxectos que transforman territorios»
A xornada, organizada por FEUGA, reúne representantes das institucións europeas, administracións públicas, universidades e entidades participantes en proxectos de cooperación territorial, co obxectivo de compartir experiencias e resultados e poñer en valor o impacto da cooperación Interreg. 
Na sesión «Turismo e patrimonio: cooperar para medrar», o Eixo Atlántico está representado por Marta Cabanas, xefa de sección do Departamento de Programas e Cooperación, que presenta o proxecto POST e os seus principais resultados. Xunto a ela participa Carmen Pardo López, investigadora principal de POST, contribuíndo a presentar a experiencia e os resultados acadados polo proxecto desde o ámbito da investigación e da cooperación territorial. A participación de ambas as dúas relatoras permite mostrar o traballo desenvolvido a través de POST e poñer de relevo o valor da cooperación transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal para impulsar iniciativas vinculadas ao turismo, ao patrimonio e ao desenvolvemento territorial.
Novos modelos de turismo: turismo policéntrico e turismo de autor
POST, liderado polo Eixo Atlántico, aposta polo turismo policéntrico como novo modelo de desenvolvemento turístico para o territorio. Fronte á concentración de visitantes en determinados destinos, este enfoque promove a cooperación entre territorios e a creación de redes de destinos complementarios, favorecendo unha distribución máis equilibrada dos fluxos turísticos e poñendo en valor recursos que ata o de agora tiveron unha menor visibilidade.
Neste marco, o proxecto impulsa tamén o concepto de turismo de autor, baseado na creación de experiencias singulares vinculadas á identidade, ao patrimonio, á cultura e aos recursos propios de cada territorio. A combinación de turismo policéntrico e turismo de autor permite avanzar cara a un modelo máis sostible e diversificado, capaz de potenciar microdestinos, reducir a presión sobre as áreas máis saturadas e xerar novas oportunidades de desenvolvemento local.
Programa Día de la Cooperación Interreg 2026
https://www.eixoatlantico.com/gl/noticias/eixo-atlantico/o-eixo-atlantico-presenta-o-proxecto-post-no-dia-da-cooperacion-interreg-2026#sigProId255226e58e