O Eixo Atlántico presenta no Instituto Politécnico de Viana do Castelo a Estratexia de Turismo Policéntrico do proxecto POST
A conferencia “Quando o turismo liga territorios: fundamentos para uma sustentabilidade territorial” permitiu profundar na necesidade de conectar destinos, diversificar fluxos e reforzar a identidade territorial como piares dun desenvolvemento máis equilibrado
A iniciativa, liderada polo Eixo Atlántico e coa participación do IPVC, propón unha transformación no modelo de desenvolvemento turístico do territorio. Fronte ao enfoque tradicional, centrado nun único destino e frecuentemente xerador de fenómenos de sobrecarga, aposta por un modelo policéntrico baseado na cooperación entre territorios, na valorización dos recursos locais e na creación de redes de destinos complementarios. 
Este enfoque busca reducir a presión sobre as áreas máis saturadas, potenciar microdestinos con alto valor patrimonial, cultural e ambiental, e promover un desenvolvemento máis equilibrado, sostible e cohesionado no conxunto do Noroeste Peninsular e do Espazo Atlántico. Máis que presentar unha estratexia, o encontro constituiu un momento de reflexión conxunta e de fortalecemento das dinámicas de cooperación institucional e territorial, consolidando o proxecto POST como un instrumento clave para impulsar un turismo resiliente, innovador e alineado cos retos ambientais e sociais actuais.
A sesión de apertura contou coa intervención de Mafalda Laranjo, directora da ESTG-IPVC; Joaquim Cancela Moura, vicepresidente de Turismo do Porto e Norte de Portugal; Manuel Vitorino, vicepresidente da Câmara Municipal de Viana do Castelo; Ana Paula Vale, vicepresidenta do IPVC; e Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico, quen subliñaron a importancia de avanzar cara modelos de cooperación territorial que permitan redistribuír os fluxos turísticos e xerar novas oportunidades para os territorios menos tensionados.
Desde o ámbito académico, a conferencia principal foi impartida por Carla Pinto Cardoso, profesora da Universidade Católica Portuguesa, quen profundou nos fundamentos conceptuais do turismo policéntrico e na súa contribución á sustentabilidade territorial. A xornada concluíu cunha mesa redonda moderada por Mª Carmen Pardo, investigadora do IPVC, na que participaron Paulo Carrança, coordinador do GEP de TPNP, e Luís Ferreira, xefe da División de Economía e Turismo da Câmara Municipal de Braga, achegando unha visión técnica e operativa sobre a transición cara un modelo policéntrico sostible.
O programa combinou reflexión estratéxica, debate académico e visión institucional. Tras a recepción dos participantes, a sesión de apertura institucional reuniu representantes do IPVC, da Câmara Municipal de Viana do Castelo, de Turismo do Porto e Norte de Portugal e do Eixo Atlántico, destacando o compromiso conxunto cun novo modelo de gobernanza turística.
A mesa redonda final centrouse na gobernanza do turismo e na transición do modelo monocéntrico ao policéntrico sostible, reunindo especialistas académicos e técnicos para intercambiar experiencias e propostas que consoliden unha rede de destinos complementarios no Noroeste Peninsular.
O encontro concluíu co compromiso compartido de seguir avanzando na cooperación transfronteiriza e na implementación de estratexias que promovan un turismo máis resiliente, innovador e alineado cos obxectivos europeos de sustentabilidade.