O Eixo Atlántico pon en marcha un novo proxecto sobre política urbana a escala europea
EURE, o novo proxecto liderado polo Eixo Atlántico, conta con nove socios doutros tantos Estados membros da UE, está financiado polo programa Interreg Europe
A partir do mes de xullo porase en marcha un novo proxecto europeo liderado polo Eixo Atlántico. Nesta ocasión a temática a tratar é a política urbana europea e como esta é financiada a través de diferentes mecanismos. O obxectivo final é, grazas ao intercambio de experiencias entre os socios, que cada un poida achegar no seu país propostas de mellora aos mecanismos de financiamento de accións destinadas a desenvolver políticas de desenvolvemento urbano sustentable.
A dimensión urbana da política de cohesión foi considerablemente reforzada no período 2014-2020, recoñecéndose así o papel relevante das cidades na aplicación das estratexias e políticas europeas. En particular, resulta especialmente relevante o 5% de cota para as políticas urbanas que se reserva o FEDER neste período de programación. Porcentaxe que, segundo os primeiros documentos borrador, podería ser incrementado até o 6% no próximo período de financiamento europeo (2021-2027).
Neste marco o proxecto EURE propón un intercambio de experiencias entre autoridades de xestión e autoridades locais acerca dos instrumentos a través dos cales en cada Estado membro implicado articúlase este 5% do FEDER para a mellora da xestión do medio ambiente urbano, incluídas as áreas urbanas de menor dimensión e aquelas en áreas de poboación dispersa.
No desenvolvemento deste proxecto, que se alargará até mediados de 2022, o Eixo Atlántico traballará estreitamente coas súas cidades, representantes da autoridade de xestión do FEDER (Ministerio de Facenda) e do Ministerio de Fomento, en canto ao seu papel de coordinador da Axenda Urbana española, entre outras entidades potencialmente interesadas no desenvolvemento e resultados do proxecto.
Máis información: www.eixoatlantico.com