Skip to main content

O Eixo Atlántico pídelle ao presidente da República de Portugal impulsar un acordo político sobre a nova ponte ferroviaria internacional do Miño

O Eixo Atlántico pídelle ao presidente da República de Portugal impulsar un acordo político sobre a nova ponte ferroviaria internacional do Miño

A entidade considera imprescindible que España e Portugal acorden unha data conxunta de finalización e definan o reparto de responsabilidades na próxima Cimeira Ibérica para evitar novos atrasos

O presidente do Eixo Atlántico e presidente da Câmara Municipal de Viana do Castelo, Luís Nobre, e o secretario xeral da entidade, Xoán Vázquez Mao, mantiveron hoxe a súa primeira reunión institucional co presidente da República Portuguesa, António José Seguro, aproveitando a estadía do xefe do Estado en Viana do Castelo, onde presidiu os actos da festividade de Nossa Senhora da Agonia, unha das romarías máis importantes e multitudinarias de Portugal. whatsapp image 2026 08 22 at 17.51.50

O encontro permitiu trasladarlle ao presidente da República as principais cuestións estratéxicas que afectan a Galicia e ao Norte de Portugal e dar continuidade á relación que o Eixo Atlántico viña mantendo co anterior xefe do Estado, Marcelo Rebelo de Sousa.

Entre os asuntos abordados ocupou un lugar destacado a loita contra os incendios forestais. Neste sentido, o Eixo Atlántico reiterou a súa proposta de crear unha autoridade conxunta hispano-portuguesa de prevención e extinción de incendios, capaz de integrar os recursos de ambos os dous países baixo un mando único de carácter rotatorio, co obxectivo de mellorar a coordinación e a capacidade de resposta ante emerxencias cada vez máis frecuentes e complexas.

Outro dos temas centrais da reunión foi a situación da liña ferroviaria de alta velocidade entre Ferrol e Lisboa. Os representantes do Eixo Atlántico expresaron a súa preocupación polos atrasos acumulados no proxecto que, aínda que polo momento se estiman arredor dun ano, poderían agravarse debido á falta de información pública sobre a planificación do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable español.

Aínda que o presidente da República non dispón de competencias executivas, o Eixo Atlántico destacou a importancia da súa capacidade de mediación institucional, especialmente pola relación fluída que mantén co presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e solicitoulle que contribúa a reactivar un proceso que avanzou de maneira satisfactoria durante os anos de cooperación entre o Executivo español e o anterior Goberno portugués encabezado por António Costa.

Durante a reunión tamén se puxo de manifesto a preocupación da entidade pola escasa interlocución existente actualmente entre os responsables de infraestruturas de España e Portugal, unha circunstancia que, segundo o Eixo Atlántico, podería afectar o desenvolvemento de proxectos estratéxicos para Galicia e o Norte de Portugal. A última Cimeira Hispano-Portuguesa estivo marcada por outros asuntos prioritarios, como a xestión hídrica e as conexións enerxéticas, sen que as infraestruturas de transporte ocupasen un lugar destacado na axenda política.

O secretario xeral do Eixo Atlántico trasladou aos medios a súa preocupación polo feito de que o ministro portugués participase en actos organizados pola Xunta de Galicia que foron utilizados como instrumentos de confrontación co Goberno central. «Esta situación, unida ao perfil dos ministros e ao peso que teñen nos seus respectivos partidos políticos, tampouco contribuíu a manter unha relación fluída entre ambos os dous países, o que acaba prexudicando o desenvolvemento de infraestruturas estratéxicas para Galicia e o Norte de Portugal», sinalou o secretario xeral da entidade.

Xoán Vázquez Mao engadiu: «Independentemente dos resultados concretos que poidan derivarse desta reunión, da que saímos optimistas pola boa disposición e a excelente acollida do presidente da República, o que si parece evidente é que António José Seguro mostrou máis respecto institucional cara ao Eixo Atlántico e aos seus concellos ca o ministro Óscar Puente, quen nunca atopou tempo para reunirse connosco».

En relación coa nova ponte ferroviaria internacional sobre o río Miño, o presidente e o secretario xeral do Eixo Atlántico solicitaron ao presidente da República a súa mediación para que España e Portugal asuman publicamente un compromiso cunha data conxunta de finalización da obra. Ao tratarse dunha infraestrutura compartida por ambos os dous países, a conclusión dos traballos debe producirse de maneira simultánea en todo o relativo á nova ponte. Este compromiso permitiría poñer fin ás informacións contraditorias que veñen xurdindo sobre os prazos de execución, entre elas a data anunciada polo presidente da Xunta de Galicia, sen respaldo en ningún informe técnico coñecido, e establecería un calendario oficial que servise de referencia para o seguimento dos traballos.

Así mesmo, o Eixo Atlántico formulou a necesidade de pechar definitivamente o modelo de xestión do proxecto. Aínda que xa está decidido o emprazamento da ponte, aínda queda por acordar o reparto de responsabilidades entre España e Portugal, tanto para a redacción do proxecto como para a licitación e execución das obras.

Por último, a entidade trasladoulle ao presidente da República a conveniencia de que ambas as dúas decisións queden pechadas na próxima Cimeira Ibérica. De adoptárense entón estes acordos, sería posible manter o calendario previsto para a infraestrutura dentro das marxes habituais deste tipo de actuacións, permitindo finalizar as obras en 2032 e poñer en servizo a nova conexión ferroviaria en 2033.