Lara Méndez, presidenta do Eixo Atlántico e alcaldesa de Lugo, e o vicepresidente, Ricardo Río, presidente da Cámara Municipal de Braga, solicitan á ministra Raquel Sánchez a licitación de tramo Porriño - "fronteira" portuguesa
Tal e como anunciou o Eixo Atlántico a través dun comunicado hai unhas semanas, falta por licitar a metade do tramo Vigo-fronteira portuguesa, imprescindible para conseguir o obxectivo de, en 2030, conectar Ferrol- A coruña- Lisboa a través dunha liña de alta velocidade.
Por este motivo, a presidenta do Eixo Atlántico, Lara Méndez, e o vicepresidente, Ricardo Rio, enviaron a carta á ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, solicitando a licitación do tramo pendente. Así mesmo, pídese información sobre o tramo Ferrol- Betanzos - Coruña, tramo que falta da liña Ferrol-fronteira portuguesa, aprobado hai dúas décadas e aínda sen finalizar, así como tramo que tamén se conectaría coa rede europea a través de Lugo.
Obras de carácter urxente para as que existe financiamento europeo nun momento no que se está cuestionando a capacidade de xestión dos fondos Next Generation, que poderían estar en risco.
O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, asegurou que: "Isto podería provocar o absurdo de que non se faga todo o necesario por falta de financiamento mentres se devolve o diñeiro a Europa por falta de xestión".
"Todo iso mentres o goberno está a impulsar a próxima apertura da liña de alta velocidade Barcelona-Lyon, o que evidencia unha asimetría no trato a Galicia e Portugal comparado co trato ao Mediterráneo", engadiu Mao.