Os proxectos Sistema Urbano e EURE, así como a Axenda Urbana ou o Plan de Mobilidade Urbana Sustentable, inciden na importancia de que as cidades conten con estratexias integradas que inclúan a sustentabilidade como elemento transversal nas políticas urbanas
3 de marzo de 2021. O Eixo Atlántico participou no seminario Duerodouro Summit 2021, un encontro organizado pola Asociación Ibérica de Municipios Ribereños del Duero (AIMRD) e financiado polo Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), no marco do proxecto Sistema Urbano, centrado no Desenvolvemento Urbano Sustentable. Na súa presentación, o secretario xeral da organización transfronteiriza, Xoan Vázquez Mao, puxo en valor a conveniencia de impulsar estratexias de sustentabilidade nas políticas urbanas. Deste xeito, salientou que este é xa un dos obxectivos principais do Eixo Atlántico para os vindeiros anos e que, de feito, traballa sobre o mesmo desde diversos ángulos.
O secretario xeral do Eixo Atlántico compartiu a experiencia da institución no desenvolvemento da súa Axenda Urbana, a primeira transfronteiriza de Europa, así como o seu recén presentado Plan de Mobilidade Urbana Sustentable, derivado da mesma e desenvolto no contexto do proxecto Sistema Urbano. Xoán Vázquez Mao fixo fincapé na importancia de traballar en cooperación para acadar mellores resultados; e neste contexto presentou o proxecto EURE, que coordina no ámbito de Interreg Europe e que está orientado á mellora, a través do intercambio de experiencias entre os seus nove socios, dos instrumentos chamados a financiar o desenvolvemento de estratexias integradas urbanas sustentables.
Mao sinalou a importancia das cinco comisións políticas nas que traballa a organización –sustentabilidade, innovación, política social, política económica e rexeneración urbana– como liñas transversais que deben incluírse nas estratexias de política urbana das cidades co obxectivo de lograr metas como a eficiencia enerxética, a dixitalización, a mobilidade sustentable, a redución de emisións ou minimizar o uso do vehículo privado.
“Hai que financiar proxectos sustentados nunha planificación de estratexia previa, que pode ser transversal, sectorial ou vertical. Política urbana é case todo: residuos, fondo social, innovación… Se analizas ben o territorio, acertas: se instalas un sistema de bicicletas e habilitas autobuses urbanos cun sistema para poñelas, os usuarios usarán o autobús e usarán las bicicletas”, explicou Vázquez Mao.
A cohesión entre as entidades locais costeiras e de interior, a loita contra a despoboación, o policentrismo e a maior accesibilidade ás zonas urbanas foron algunhas das cuestións que abordou o Eixo Atlántico na súa participación en Duerodouro Summit 2021, poñendo o foco na importancia de que os fondos de cooperación se invistan en proxectos de sustentabilidade e desenvolvemento que incidannesas cuestións para impulsar a economía e a calidade de vida da cidadanía. “Os programas transfronteirizos non só teñen que ver con temas de fronteira: no Eixo Atlántico traballamos no desenvolvemento local conxunto, somos dous países, pero tamén 39 entidades locais que traballamos xuntas e que sabemos que hai que investir onde faga falta”, engadiu.