O Eixo Atlántico estivo presente no Cities Forum 2025, celebrado do 17 ao 19 de xuño en Cracovia (Polonia), un evento bienal de gran relevancia organizado pola Comisión Europea, en colaboración coa Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana (DG REGIO) e a Iniciativa Urbana Europea (EUI).
Baixo o lema “Empowering cities, shaping Europe’s future” (Empoderando ás cidades, construíndo o futuro de Europa), o foro reuniu a máis de 800 participantes procedentes de administracións locais, rexionais, institucións europeas e entidades do ámbito urbano. Durante estes días compartíronse ideas e solucións clave para impulsar o desenvolvemento sostible das cidades europeas, abordando temas como a vivenda, a transformación dixital, o crecemento inclusivo e a mobilidade urbana.
A participación do Eixo Atlántico reafirma o seu compromiso co desenvolvemento urbano sostible e co fortalecemento da cooperación transfronteiriza no marco das políticas de cohesión da Unión Europea. Neste espazo de diálogo e construción conxunta, fíxose visible a voz das cidades do noroeste peninsular, achegando unha perspectiva única aos retos comúns que enfrentan as áreas urbanas europeas.