O Eixo Atlántico participa na renovación da Carta de Leipzig sobre cidades europeas sostibles
A Comisión Executiva do Eixo Atlántico aprobou o pasado día 10 esta publicación que quere contribuír ao proceso de reflexión para a renovación dos compromisos dos países da UE con unha política urbana orientada á sustentabilidade e o desenvolvemento
O próximo día 30 de novembro asinarase a Renovación da Carta de Leipzig, inicialmente asinada no 2009 co obxectivo de establecer uns principios e unha estratexia común para a política de desenvolvemento urbano dos Estados membros da UE.
Todo o que se relaciona coa cooperación e a política urbana é de gran relevancia para o Eixo Atlántico, especialmente neste caso xa que a nova Carta de Leipzig será asinada nun contexto no que as cidades cobran forza como garantes do benestar, a sustentabilidade o desenvolvemento territorial.
Neste contexto, tendo seguido de cerca o proceso de renovación desta carta e querendo contribuír ao mesmo, o Eixo lanza esta publicación, realizada por autores de primeiro nivel e recoñecido prestixio na materia:
- Martín Fernández Prado. Dr. Arquitecto en Urbanismo polo GSD de Harvard University e profesor de urbanismo na Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC.
- Ángela de la Cruz Mera. Subdirectora Xeral de Políticas Urbanas do Ministerio de Transportes, Movilidade e Axenda Urbana e xurista especializada en urbanismo.
- Miguel Sopas de Melo Bandeira. Doutor polo Instituto de Ciencias Sociais da Universidade do Minho e concelleiro de rexeneración urbana, mobilidade, planeamento urbano e urbanismo da cidade de Braga.
- José Santos Soeiro. Exerceu de Presidente da Axencia para o Desenvolvemento e Cohesión de Portugal e foi tamén Director Xeral de Desenvolvemento Rexional.
Así, esta publicación non é unha mera conmemoración da sinatura da Carta de Leipzig. Ao contrario, recoñecendo a súa importancia, os autores reflexionan sobre o que debería supoñer a renovación desta carta: o punto de partida dun novo modelo de colaboración entre administracións, baseado na corresponsabilidade e na distribución clara de competencias, respectando e impulsando o papel das cidades.
Para o Eixo Atlántico, a política urbana será un dos grandes alicerces para a reconstrución europea postpandemia e un área que debe ser impulsada pola presidencia portuguesa do Consello da UE, a partir do 2021, aproveitando a lideranza do Primeiro Ministro que ao ter sido alcalde de Lisboa, é plenamente consciente das necesidades mais urxentes dos gobernos locais.
Mais información: