Skip to main content

O Eixo Atlántico participa na Cidade de México nun encontro internacional sobre turismo responsable en cidades Patrimonio Mundial

O Eixo Atlántico participa na Cidade de México nun encontro internacional sobre turismo responsable en cidades Patrimonio Mundial

A iniciativa, impulsada pola Oficina do Historiador de La Habana e a AECID, reúne institucións de Cuba, México, Cabo Verde, España e Portugal para avanzar en modelos de turismo sostible en cidades históricas

Representantes do Eixo Atlántico participan estes días na Cidade de México nunha reunión internacional centrada no turismo responsable e no desenvolvemento urbano sostible en cidades declaradas Patrimonio Mundial. A actividade forma parte dun programa de cooperación triangular liderado pola Oficina do Historiador da Cidade da Habana e respaldado pola Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID), no que colaboran institucións de Cuba, México, Cabo Verde, España e Portugal. 

As sesións de traballo desenvolvense no Centro Histórico da Cidade de México e están orientadas ao intercambio de experiencias e boas prácticas na xestión do turismo en contornos patrimoniais. O obxectivo é avanzar cara enfoques que permitan compatibilizar a actividade turística coa conservación do patrimonio e o benestar da poboación residente.

Ao longo de cinco días, equipos técnicos e responsables institucionais dos países participantes realizan visitas de campo e talleres de traballo nos que analizan desafíos compartidos, como o crecemento urbano, a revitalización de cascos históricos, o impulso ao emprendemento local e a relación entre actividade turística, vivenda e xestión do hábitat.

O Eixo Atlántico intervén na iniciativa achegando a súa experiencia de máis de tres décadas en planificación urbana e no desenvolvemento de estratexias de turismo sostible. A súa participación céntrase no intercambio de metodoloxías e no apoio ao deseño de ferramentas que permitan converter a presión turística nunha oportunidade para promover un desenvolvemento urbano inclusivo e resiliente.

Entre os resultados previstos destacan a elaboración dun diagnóstico sobre o impacto do turismo nas cidades implicadas, a recollida de experiencias exitosas e a definición dunha metodoloxía acompañada de indicadores que sirva de base para un modelo de turismo responsable adaptable a distintos contextos territoriais.

A proposta alíñase cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente co Obxectivo de Desenvolvemento Sostible e o ODS 11: Cidades e comunidades sostibles, e pretende reforzar a cooperación internacional para garantir que o desenvolvemento turístico contribúa ao progreso local sen poñer en risco o valor patrimonial das cidades históricas.