O Eixo Atlántico participa na análise da actualidade española na televisión pública portuguesa
Xoán Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico, participa en «Mosaico Español», unha reportaxe da RTP que examina a situación política e social de España nas vésperas das eleccións xerais do 29 de novembro
España acode este domingo, 29 de novembro, ás urnas nunhas eleccións xerais que se celebran nun contexto de forte polarización política e preocupación social por cuestións como o acceso á vivenda, o custo da vida e a inmigración.
Nas vésperas desta cita electoral, a televisión pública portuguesa RTP dedicou o seu espazo Grande Reportagem a analizar a realidade española na reportaxe «Mosaico Español», na que participa Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico.
A súa intervención achega unha perspectiva territorial e municipal á análise da actualidade española, desde a experiencia dunha entidade que agrupa cidades de Galicia e do Norte de Portugal e que traballa pola cooperación e a integración entre ambos os territorios.
Na reportaxe participa tamén Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago de Compostela, municipio integrante do Eixo Atlántico, que incorpora a visión dos gobernos locais a este retrato da España actual.
A produción da RTP aborda algúns dos principais asuntos que marcan o debate público en España, entre eles a crise da vivenda, o incremento do custo da vida, a inmigración e a situación política, nun escenario electoral marcado pola división do electorado.
A participación de Xoán Vázquez Mao neste espazo internacional dá visibilidade á perspectiva do Eixo Atlántico nun momento especialmente relevante para España e permite trasladar ao debate público portugués a dimensión territorial e transfronteiriza dos desafíos que afronta o país.
A reportaxe, realizada por Maria Cerqueira, ten unha duración de 33 minutos e está dispoñible en RTP Play.
Ver a reportaxe completa: https://www.rtp.pt/play/p17170/e970474/grande-reportagem-rtp