Skip to main content

O Eixo Atlántico participa en Cognac nun encontro europeo sobre novos modelos de turismo sostible

O Eixo Atlántico participa en Cognac nun encontro europeo sobre novos modelos de turismo sostible

Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico, interveu na apertura da conferencia «Sustainable Tourism Models for New Realities», celebrada en Cognac

O Eixo Atlántico participou este 4 de novembro na conferencia europea «Sustainable Tourism Models for New Realities», organizada no marco do proxecto POST (Polycentric Sustainable Tourism), financiado polo programa Interreg Atlantic Area. O encontro reuniu no Château de Bouteville, preto de Cognac (Francia), profesionais do sector turístico, representantes das administracións públicas, investigadores e outros axentes de Francia, Portugal, Irlanda e España. 1791446761791

O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, participou na sesión inaugural xunto con representantes institucionais e responsables europeos, en representación da entidade, que é socia líder do proxecto POST.

A conferencia permitiu intercambiar experiencias e analizar novas fórmulas para avanzar cara a un turismo máis equilibrado, resiliente e sostible no espazo atlántico, prestando especial atención ao turismo policéntrico e á súa capacidade para distribuír mellor os fluxos de visitantes, ampliar as oportunidades económicas a outros territorios e conectar destinos urbanos, rurais, costeiros e de interior.

Durante a xornada presentáronse tamén os principais resultados do proxecto POST e a súa «Strategy for a New Tourism Model: Polycentric Sustainable Tourism», unha estratexia que recolle recomendacións para diversificar a oferta turística e favorecer un desenvolvemento territorial máis equilibrado.

A participación do Eixo Atlántico nesta iniciativa europea enmárcase no seu compromiso coa cooperación entre Galicia e o norte de Portugal e co desenvolvemento de modelos turísticos que poñan en valor os recursos dos distintos territorios, contribúan a reducir a estacionalidade e xeren oportunidades máis alá dos destinos tradicionalmente máis visitados.