Skip to main content

O Eixo Atlántico lidera unha reunión de EURE para unha política urbana sostible na UE

O Eixo Atlántico lidera unha reunión de EURE para unha política urbana sostible na UE

El Eixo Atlántico liderou onte un encontro dos nove socios do proxecto EURE, no que foi aprobado un documento que subliña a importancia de incluír a sustentabilidade ambiental na política urbana das cidades no próximo marco financeiro 2021-2027

18 de febreiro de 2021. O Eixo Atlántico liderou onte un encontro dos nove socios do proxecto EURE, no que foi aprobado un documento que subliña a importancia de incluír a sustentabilidade ambiental na política urbana das cidades no próximo marco financeiro 2021-2027. O proxecto EURE, liderado polo Eixo, centra o seu traballo no Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) para estudar como se está a utilizar este fondo no eido do desenvolvemento da política urbana e como se poden optimizar os seus recursos nas 480 cidades onde viven actualmente máis de 10 millóns de habitantes.

Tendo en conta que cara 2050 máis do 80% da poboación europea vivirá en zonas urbanas, o Eixo Atlántico e todos os socios de EURE consideran que estas zonas deben dar resposta axeitada e eficiente aos desafíos económicos, ambientais e sociais da época actual. Entendendo a sustentabilidade medioambiental como un marco de referencia transversal da política europea de cohesión, e non só como un elemento de salvagarda dos recursos naturais e diante do cambio climático, propoñen un proceso de “acordos verdes” no eido económico e de desenvolvemento no que deben participar tamén as autoridades locais e os actores empresariais.

O informe aprobado polos socios do proxecto EURE, que se presentará nos vindeiros días baixo o título Por unha calidade de vida mellor e sustentable nas cidades europeas, recolle as razóns polas que a UE debe seguir intervindo nas zonas urbanas e tamén como os actores destas zonas perciben a intervención europea, cunha análise da mesma en áreas como a transición enerxética, a economía circular, a rexeneración urbana, a mobilidade urbana sustentable, a inclusión social ou a adaptación das urbes ao cambio climático, entre outras. 

O informe inclúe, ademais, 15 recomendacións dirixidas á Comisión Europea para que esta as teña en consideración no próximo regulamento de financiación dos fondos estruturais ata 2027. Estas recomendacións cubren fundamentalmente catro áreas: como debería ser a futura política urbana da UE; recomendacións para cada temática sectorial de política urbana; e cuestións relacionadas co seu financiamento e gobernabilidade.

O proxecto EURE - Eficiencia das Políticas Ambientais Urbanas para Mellorar a Eficiencia dos Recursos é un proxecto financiado por Interreg Europe e desenvolvido por:

  • Eixo Atlántico (ES), líder do proxecto
  • Agency for the Development of the Empolese Valdelsa (Italia)
  • Alba Iulia Municipality (Rumanía)
  • Lubelskie Voivodeship (Polonia)
  • Department of Coordination of European Projects of Pilsen City (República Checa)
  • Nicosia Development Agency (Chipre), 
  • Atlantic Cities (Francia) 
  • Riga City Council (Letonia)
  • ACR+ Association of Cities and Regions for sustainable Resource management (Bélxica)

Máis información: 

www.interregeurope.eu/eure   Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.   @EureInterreg  | Subscrición á newsletter