Skip to main content

O Eixo Atlántico lidera unha experiencia europea para impulsar o turismo de natureza e patrimonio en futuros programas transfronteirizos

O Eixo Atlántico lidera unha experiencia europea para impulsar o turismo de natureza e patrimonio en futuros programas transfronteirizos

Denominada Epicah, realizará unha análise pormenorizada da situación e das potencialidades do turismo cultural e de natureza nas áreas fronteirizas

 O Eixo Atlántico lidera un proxecto europeo no que participan rexións e entidades transfronteirizas de oito países (España, Portugal, Italia, Estonia, Grecia, República Checa, Hungría e Romanía) aos que a Comisión Europea financiará para que elaboren unha proposta que permita impulsar o turismo cultural, de patrimonio e natureza mediante a súa inclusión en futuras convocatorias de Interreg post 2020.

Este programa, denominado Epicah, que durará dous anos, realizará unha análise pormenorizada da situación e das potencialidades do turismo cultural e de natureza nas áreas fronteirizas así como dos principais obstáculos para o seu desenvolvemento.

A análise partirá do estudo das citadas oito zonas piloto en toda Europa, que integran territorios do Atlántico, Mediterráneo, Báltico e Centro Europa para analizar as diferentes problemáticas que se dan nas fronteiras europeas.

A partir da análise realizaranse propostas que poidan ser desenvolvidas en futuros programas de cooperación transfronteiriza integrando entre as súas prioridades a protección e promoción do patrimonio cultural, histórico e da natureza a través do turismo sostible.

A Comisión Europea non conta cunha política turística de seu nin con instrumentos financeiros para impulsar o turismo, que queda circunscrito ao ámbito das competencias nacionais de cada país. Tampouco conta con medidas específicas para a protección do patrimonio, que quedan solapadas por aquelas promovidas pola Unesco. O Eixo Atlántico considera necesario abrir o debate nas institucións comunitarias sobre estes dous elementos e, por iso, outro dos obxectivos do proxecto é sensibilizar á Comisión Europea para que impulse un programa europeo de turismo e un programa europeo de protección do patrimonio.

“2 países, 1 destino”
Hai cinco anos o Eixo Atlántico foi impulsor, xunto coa entón secretaria de Turismo da Xunta de Galicia, Carmen Pardo, do concepto “2 países, 1 destino”, que se converteu nunha das iconas do turismo transfronteizo. Este concepto, que foi aplicado na Eurocidade Chaves-Verín, foi asumido e difundido por numerosas entidades do seu ámbito. Agora, coa aprobación deste proxecto, o Eixo Atlántico pretende trasladar este concepto de éxito na Eurorrexión a outros territorios transfronteirizos de Europa.

O programa europeo Epicah
 O programa Epicah Interreg Europe céntrase na prioridade de "Protexer o medio ambiente e promover a eficiencia no uso dos recursos locais". Dentro desta prioridade, no obxectivo de "protexer e valorizar o patrimonio cultural e natural como recurso para o desenvolvemento económico na zona fronteiriza". Para iso, o programa prevé accións para despregar o potencial do sector turismo nos espazos naturais e para a protección e a promoción da cultura e o patrimonio natural como activos económicos. Neste sentido, impúlsase actividades como a creación de redes, a xestión coordinada dos recursos, elaboración de estudos ou creación de marcas comúns para a promoción conxunta.