Skip to main content

O Eixo Atlántico impulsa o intercambio internacional de experiencias en turismo sostible e xestión de centros históricos

Unha delegación de Cuba, México e Cabo Verde coñeceu en Galicia iniciativas para compatibilizar o desenvolvemento turístico coa conservación do patrimonio e a calidade de vida da poboación, no marco dun proxecto de cooperación triangular financiado pola AECID

Unha delegación internacional visitou Galicia no marco do proxecto de Cooperación Triangular, impulsado polo Eixo Atlántico e financiado pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID). A iniciativa promove o intercambio de experiencias e coñecementos en ámbitos como o turismo sostible, a xestión urbana e a conservación do patrimonio histórico. 261021 cooperacion triangular santiago de compostela 5

Durante a visita, os participantes coñeceron de primeira man distintas experiencias e boas prácticas cun obxectivo común: manter vivos os centros históricos e apostar por un turismo de excelencia que garanta, ao mesmo tempo, a calidade de vida das persoas que os habitan.

A delegación reuniu representantes da Oficina do Historiador da Cidade da Habana, do Fideicomiso do Centro Histórico da Cidade de México e da Câmara Municipal de Ribeira Grande de Santiago – Cidade Velha, en Cabo Verde, xunto co Eixo Atlántico como socio español.

O programa incluíu encontros con representantes da Universidade de Vigo e dos concellos de Pontevedra e Santiago de Compostela, e combinou sesións técnicas, reunións institucionais e visitas de estudo.

UNIVERSIDADE DE VIGO: COÑECEMENTO E SOSTIBILIDADE URBANA

A axenda de traballo centrouse no impulso dun turismo de excelencia, baseado nos conceptos de turismo de autor e turismo policéntrico, creados e desenvolvidos polo Eixo Atlántico, en relación cos retos da sostibilidade e da xestión urbana.

Na sesión participaron representantes do ámbito académico e especialistas en turismo, entre eles Montserrat Cruz, vicerreitora da Universidade de Vigo, e Carmen Pardo, profesora da Universidade de Santiago de Compostela. Ambas son expertas en turismo e colaboradoras do Eixo Atlántico no desenvolvemento destes modelos.

A segunda sesión, a cargo de Manuel Rodríguez, experto en xestión de residuos da Axencia de Ecoloxía Urbana do Eixo Atlántico, abordou os modelos de xestión de residuos en Galicia e no norte de Portugal, con especial atención á innovación, á reciclaxe e á economía circular como piares dunha xestión urbana máis eficiente e sostible.

Por último, Francesc Cárdenas, exdirector da Axencia de Ecoloxía Urbana de Barcelona e actual director da Axencia de Ecoloxía Urbana do Eixo Atlántico, presentou as liñas de traballo que a entidade está a desenvolver en materia de descarbonización e mobilidade sostible.

Estas iniciativas inspíranse no concepto de metabolismo urbano, desenvolvido en Barcelona hai máis de dúas décadas, que permite comprender e optimizar os fluxos de enerxía, auga, materiais e residuos das cidades para avanzar cara a modelos urbanos máis sostibles e resilientes.

PONTEVEDRA: ESPAZO PÚBLICO E COMPOSTAXE

En Pontevedra, o equipo de goberno municipal ofreceulle á delegación a oportunidade de coñecer de primeira man as súas iniciativas de transformación urbana e xestión sostible dos residuos, baseadas nun modelo de cidade que prioriza a recuperación e a socialización do espazo público, favorecendo o seu uso por parte da cidadanía e promovendo unha mobilidade máis sostible.

Acompañados polo concelleiro de Mantemento e Servizos Básicos, Xaquín Moreda, os participantes percorreron o centro histórico e a súa contorna para coñecer as actuacións orientadas a recuperar o espazo público e fomentar o seu uso social.

O programa incluíu unha visita ao sistema municipal de compostaxe comunitaria, onde coñeceron o seu funcionamento, o papel da participación veciñal e os mecanismos de seguimento do proceso.

Este modelo permitiu abordar alternativas aos sistemas convencionais de recollida e transporte de materia orgánica, especialmente relevantes en cidades compactas e centros históricos, onde as características da contorna requiren solucións adaptadas.

A xornada completouse cunha reunión co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e unha sesión de traballo no Concello, que serviron para afondar na experiencia municipal e compartir impresións sobre os retos da xestión urbana.

SANTIAGO DE COMPOSTELA: PROTEXER O PATRIMONIO E A POBOACIÓN

O programa continuou en Santiago de Compostela, onde a delegación foi recibida pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, e mantivo un encontro de traballo co Consorcio do Centro Histórico.

A visita permitiu coñecer de primeira man a experiencia da cidade na xestión, conservación e dinamización do seu patrimonio histórico, así como abordar un dos grandes desafíos dos destinos patrimoniais: compatibilizar a actividade turística coa protección do conxunto urbano e o benestar da poboación residente.

O encontro puxo de relevo a importancia de atopar un equilibrio entre a preservación do legado histórico, o desenvolvemento económico e a calidade de vida das persoas que habitan estes espazos, un reto compartido polos territorios participantes no proxecto.

O modelo de xestión do Consorcio do Centro Histórico espertou un especial interese entre os integrantes da delegación pola súa experiencia na conservación e xestión integral dun conxunto monumental de gran valor.

Este intercambio resultou especialmente relevante para os representantes de Cuba e México, cuxas institucións participan na xestión de dous dos principais centros históricos de América Latina, e para quen a experiencia compostelá ofrece referencias de interese e oportunidades de aprendizaxe compartida.

A xornada concluíu cunha visita ao Museo da Catedral de Santiago e ao Pórtico da Gloria, dous espazos emblemáticos que permitiron afondar no coñecemento do patrimonio artístico, histórico e cultural de Santiago de Compostela.