O Eixo Atlántico impulsa, en Bragança e Ourense, formación local para a prevención de danos por incendios forestais
O Eixo Atlántico desenvolveu esta semana dúas xornadas formativas sobre prevención de danos por incendios forestais, celebradas o xoves en Bragança (Portugal) e o venres en Ourense (Galicia), esta última coorganizada coa Deputación de Ourense, no marco das actividades do proxecto USE4FOREST, financiado por Interreg SUDOE, do que a entidade é socia. 
Baixo o título “Prevenção de danos por incêndios florestais: perspetiva local”, estas accións formativas reuniron a responsables municipais, técnicos locais, axentes sociais e persoal de emerxencias de ámbito local, co obxectivo de reforzar as capacidades das administracións máis próximas ao territorio fronte a un fenómeno cada vez máis complexo e recorrente.
Os cursos, cunha duración de seis horas presenciais, centráronse en varios obxectivos esenciais:
- Comprender o fenómeno dos incendios forestais e a súa evolución recente, especialmente no ámbito local.
- Identificar vulnerabilidades e riscos no territorio municipal.
- Coñecer estratexias e ferramentas de prevención, autoprotección e xestión do territorio.
- Capacitar para o deseño de accións locais de redución do risco e boas prácticas na xestión de emerxencias por incendios forestais.
Estas xornadas responden á necesidade de concienciar e capacitar ás autoridades locais ante a aparición cada vez máis frecuente de incendios de gran magnitude, que superan os métodos tradicionais de extinción e xestión e que provocan impactos máis intensos e duradeiros no territorio.
Os incendios forestais constitúen un problema de dimensión ecolóxica, social, cultural e económica, que require unha abordaxe integrada, coordinada e adaptada á escala local. Neste contexto, o papel das autoridades e actores locais resulta clave tanto na prevención como na planificación territorial e na resposta ante as emerxencias.