O Eixo Atlántico acolleu na súa sede unha reunión de traballo no marco do proxecto europeo USE4FOREST, financiado polo programa INTERREG SUDOE, coa participación de socios procedentes da rexión francesa de Aude.
Durante o encontro, representantes da institución CD l’Aude compartiron experiencias e liñas de traballo vinculadas á xestión forestal sostible e á prevención de incendios forestais a través de aproveitamentos innovadores do terreo que permitan impulsar a actividade económica sostible e conservar o territorio. A visita enmárcase no interese común polo desenvolvemento de solucións innovadoras fronte ao risco de incendios e á loita contra o despoboamento no rural.
Un dos eixes principais abordados foi o proxecto piloto de cortalumes produtivos que se está a desenvolver en O Barco de Valdeorras e que ten o seu espello na rexión francesa de Aude; unha iniciativa que combina a prevención de incendios co aproveitamento sostible do territorio. Este proxecto constitúe un exemplo de cooperación territorial e transferencia de coñecemento entre rexións europeas.