O Eixo Atlántico impulsa a denominación “Turismo de Fronteira” como un novidoso espazo de desenvolvemento económico
A entidade lanza en Braga este novo concepto a nivel europeo nun foro internacional. Mañá abre as súas portas en Braga a V edición de Expocidades, a feira de turismo de proximidade
Ó redor de 200 especialistas e responsables dos municipios da fronteira hispano portuguesa reuníronse hoxe en Braga, convocados polo Eixo Atlántico, para debater nun foro internacional un novo concepto no que a organización transfronteiriza vén traballando desde hai 2 anos. O exitoso slogan “2 Países, 1 Destino” que xa se utiliza en varias fronteiras europeas, compleméntase co novo, “Non cruces a fronteira, percórrea”. O Eixo Atlántico impulsa, desta forma, un novo concepto, “Turismo de Fronteira” un novo nicho de desenvolvemento económico orientado á excelencia.
No Foro de Turismo de Fronteira foi presentado, por primeira vez, un diagnóstico da situación turística da fronteira hispano-portuguesa, a máis longa de Europa, así como un plan estratéxico para o seu desenvolvemento como destino único.
Os participantes debateron, ao longo da xornada, a preservación do patrimonio natural e cultural da fronteira como unha das súas fortalezas que deben orientarse cara a un turismo sustentable de excelencia, un turismo baseado nos 4 eixos que constitúen estas fortalezas:
- Turismo Monumental e Cultural
- Turismo de Natureza
- Enoturismo e turismo gastronómico
- Turismo de Auga e Saúde
No foro presentáronse as experiencias doutras fronteiras europeas de países como Grecia, Estonia, República Checa, Romanía e Hungría, que desenvolveron, os dous últimos anos, o mesmo proxecto a escala europea, liderados polo Eixo Atlántico. O foro contou, tamén, coa participación de representantes das Autoridades de Xestión dos programas de Cooperación de diferentes fronteiras europeas que expuxeron os seus modelos e propostas.
No Foro analizouse o “efecto fronteira” e o seu impacto no desenvolvemento turístico, tanto na preservación de patrimonio cultural e natural transfronteirizos, así como as diversas estratexias encamiñadas a transformar un hándicap, nunha vantaxe competitiva.
Así mesmo, analizáronse os mecanismos para aliñar estas políticas cos programas europeos que os poden financiar, especialmente co programa de Cooperación Transfronteiriza.
O eurodeputado portugués, José Manuel Fernandes, informo de que, por primeira vez, hai unha liña orzamentaria para o turismo, proposta no borrador de orzamentos que se terá que debater e aprobar polo novo Parlamento Europeo.
A próxima cita será en Bruxelas, no mes de novembro, nun foro cos novos eurodeputados onde se exporá a necesidade de que a Unión Europea desenvolva unha política de protección do patrimonio cultural e natural e, deste xeito, unha política de turismo para toda a UE que, na actualidade, é inexistente. Por iso, o Eixo Atlántico exporá a necesidade de que o turismo conte cun ou unha Comisaria europea de turismo.
Os participantes neste proxecto consideran sorprendente que, a pesar do peso que ten o turismo no PIB europeo, non conte cunha política específica común para o seu desenvolvemento.
No acto de clausura interveu o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, o vicepresidente do organismo Turismo Porto e Norte, Inácio Ribeiro, e a secretaria de estado de Turismo e Portugal, Ana Mendes Godinho, que interveu por vídeo ao atoparse de viaxe en Croacia.
EXPOCIDADES
O Primeiro Foro de "Turismo de Fronteira Europeo" será a antesala da celebración da V edición de Feira do Turismo de Proximidade do Eixo Atlántico, Expocidades, que abrirá as súas portas na citada cidade de Braga do xoves 30 de maio, ao domingo 2 de xuño, no contexto da Semana do Turismo de Fronteira Europeo.
En Expocidades, situada no centro da cidade, na Praza dá República, poderán percorrerse nun único espazo a diversidade da oferta das cidades que se integran no Eixo Atlántico, os seus atractivos, a súa cultura, patrimonio e gastronomía.
O acceso a Expocidades é libre e gratuíto e celebrarase nos seguintes horarios:
Venres, día 31 de maio: de 15 ás 00 horas
Sábado, día 1 de xuño: de 15 ás 00 horas
Domingo, día 2 de xuño: de 11:30 *h. ás 19 horas
*Horarios españois