O Eixo Atlántico felicita ao Goberno portugués por cumprir os seus compromisos coa Liña do Miño
O ministro Pedro Marques levará á vindeira Cimeira Ibérica o interese do goberno portugués pola Saída Sur de Vigo
O presidente do Eixo Atlántico, Alfredo García e o secretario xeral, Xoán Vázquez Mao, felicitaron hoxe ao Goberno portugués por facerse eco das peticións da entidade e apostar pola mellora das comunicacións ferroviarias cara a Galicia.
Durante o acto de firma do contrato para a modernización do Tramo Viana-Valença, que tivo lugar estar tarde na estación de tren de Valença, o ministro de Infraestruras, Pedro Marques, confirmou que as obras deste treito comezarían nas próxima semana para que a mellora da liña sexa unha realidade nos primeiros meses de 2020. Tamén fixo referencia á recente decisión do Goberno de rebaixar as peaxes nos tramos próximos á fronteira con España e nos territorios de baixa densidade, comezando polas mercadorías (xúntase audio). Unha vez finalizado o acto, nun breve encontro co presidente do Eixo e o secretario xeral, acordaron unha reunión en Lisboa en setembro para falar do Segundo Paquete de Infraestruturas 2021-2028.
O presidente do Eixo informoulle tamén das próximas reunións co Goberno español para falar da saída sur de Vigo. A este respecto o ministro Pedro Marques sinalou que ía levar este tema á próxima Cimeira Ibérica.
Estas decisións responden satisfactoriamente ás peticións que o Eixo Atlántico trasladou no último ano e que Goberno portugués escoitou. A este respecto, o secretario xeral do Eixo manifestou a súa satisfacción polo feito de que o Goberno portugués honre os seus compromisos, o que lamentablemente non se pode dicir do Goberno español anterior, que o máis que ofertou foi a electrificación de oito quilómetros entre Tui e Guillarei sen que ata hoxe se movera un papel. Por ese motivo, o Eixo Atlántico ten prevista unha reunión co novo ministro para desbloquear a situación e asuma unha obra que permitiría, non só unha conexión competitiva e cómoda entre Vigo e Porto, senón que convertería a liña en A Coruña-Lisboa.
O secretario xeral lamentou que o presidente da Xunta non queira defender a Saída Sur de Vigo, polo que foi moi crítico coa desidia e desprezo da Xunta neste tema”.
Pola súa parte, o presidente do Eixo Atlántico, Alfredo García, manifestou a súa satisfacción polo desenvolvemento do proxecto en Portugal, incidindo na importancia da firma de hoxe e recordou neste sentido o interese que ten a empresa Arriva, filial española da xigante alemá DB en explotar a liña A Coruña-Vigo, o que en palabras de Alfredo García “reforza a posición histórica do Eixo Atlántico en defender esta liña”.
Reunión co delegado do Goberno o día 1 de agosto
Alfredo García tamén adiantou que o vindeiro mércores día 1, manterán unha reunión co delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, xunto co secretario xeral do Eixo, ás 12 do mediodía na sede da Delegación do Goberno na Coruña.
Na axenda da reunión destaca a revisión dos temas de infraestruturas que o Eixo Atlántico defende en proxectos xa iniciados para que non sufran retrasos, como é o caso da electrificación da vía férrea Lugo-Ourense coas variantes de Rubián, Peares-Canaval e Monforte, que posibilitarán a chegada do AVE a Lugo; a A-76 entre O Barco, Monforte e Ourense, que constitúe a metade da autovía entre Lugo e Ourense; o Corredor Atlántico, recentemente aprobado pola Comisión Europea entre A Coruña e Palencia a través de Vigo, Ourense e Monforte; a entrada en Ourense do AVE e a Saída Sur de Vigo.
Precisamente, a saída sur de Vigo cobra maior urxencia coa firma hoxe mesmo do contrato para o inicio das obras de electrificación no último tramo portugués da Liña do Miño, entre Viana e a fronteira.
Dado o perfil político do Delegado do Goberno e o feito de ter sido membro do Eixo Atlántico durante a súa etapa como alcalde de A Coruña, o obxecto da reunión é implicalo activamente na defensa destas infraestruturas ante o goberno que representa e pedirlle que asuma a defensa dos intereses de Galicia ante o Goberno central, xa que moitos destes temas non nos costa que foran tratados na última reunión que mantivo Feijóo con Pedro Sánchez.
Galería de fotos
https://www.eixoatlantico.com/gl/noticias/eixo-atlantico/o-eixo-atlantico-felicita-ao-goberno-portugues-por-cumprir-os-seus-compromisos-coa-lina-do-mino#sigProId301b04a384