Skip to main content

O Eixo Atlántico e o Distrito Municipal de Glenties (Irlanda) reúnense para abordar o reto demográfico nas zonas rurais

O Eixo Atlántico e o Distrito Municipal de Glenties (Irlanda) reúnense para abordar o reto demográfico nas zonas rurais

O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, reuniuse en Irlanda con Michael McClafferty, presidente do Distrito Municipal de Glenties, no condado de Donegal, co obxectivo de intercambiar experiencias e analizar estratexias comúns orientadas a fixar poboación en territorios rurais afectados pola crise demográfica.

O encontro enmarcouse na quinta reunión do proxecto EDIN (European Digital Innovation Network), cofinanciado pola Unión Europea, que promove o uso da innovación dixital como ferramenta para loitar contra o despoboamento e xerar novas oportunidades económicas nas zonas periféricas.

Durante as xornadas, celebradas en Dungloe, realizáronse visitas a varios proxectos emblemáticos da rexión, como os hubs dixitais gteic @ Gaoth Dobhair, MODAM na illa de Arranmore, e o proxecto de rexeneración rural Donegal 2040, en Burtonport. Estas iniciativas teñen demostrado un impacto positivo na atracción de talento, a fixación de poboación nova e a creación de emprego vinculado ao traballo remoto.