O Eixo Atlántico e o Concello de Lugo presentan aos colectivos sociais da cidade a proposta do Circuíto da Romanización
O Secretario Xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, a Presidenta do Eixo e alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e un dos dous autores do informe, Santiago Ferrer, presentaron esta mañá no Concello de Lugo o Circuíto da Romanización ante a Plataforma Muro, integrada por cidadáns e colectivos que defenden a creación do Museo da Romanización
O informe, elaborado por Santiago Ferrer e Miguel Bandeira, recolle a iniciativa da sociedade civil de Lugo que leva reclamando desde hai anos un Museo da Romanización no antigo quartel de San Fernando, proxecto do que se fai eco a alcaldesa Lara Méndez na súa primeira lexislatura.
O estudo tamén integra as cidades de Portugal con patrimonio da romanización, incluíndo a Cultura Castrexa e dos Reinos Suevos, cuxa capital romana é Braga.

Pode ler o "Circuíto da Romanización" neste enlace.
O estudo "Circuíto Cultural da Romanización na Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal. Volume I: Circuíto da Romanización", analiza en máis de 300 páxinas os recursos históricos relacionados coa romanización que hai en Galicia e o Norte de Portugal tendo, como eixo prinicpal, a cidade de Lugo por ser o epicentro no que Roma se baseou para irradiar e expandir a súa cultura.
Para a selección destes recursos os criterios escollidos foron, en primeiro lugar aqueles xacementos arqueolóxicos fundados ou que tivesen algunha secuencia ocupacional durante a época romana e, en segundo lugar, que fosen investigados e as súas ruínas consolidadas,musealizadas ou postas en valor resaltando as súas carencias e propondo medidas de actuación que faciliten aos visitantes unha mellor comprensión destes recursos.
Para isto, os autores recorreron a agrupalos en diversos capítulos comezando polos castros romanizados e vilas romanas, seguido da cidade de Lugo coas súas ofertas de patrimonio cultural: sotos visitables, centros arqueolóxicos, muralla, etc, minería aurífera e vías de comunicación facendo fincapé na Vía Nova, unha das calzadas romanas mellor estudadas de Galicia e norte de Portugal dotada dun elevado número de miliarios que a converten na vía romana mellor sinalizada do Imperio Romano.
Audio
- A Presidenta do Eixo Atlántico e alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Circuíto Cultural da Romanización | Descargar mp3
- O arqueólogo Santiago Ferrer, sobre o Circuíto Cultural da Romanización | Descargar mp3
- O Secretario Xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, sobre o Circuíto Cultural da Romanización | Descargar mp3
Esta actuación desenvólvese no marco do proxecto Hi_Experience cofinanciado polo programa INTERREG V-A ESPANHA-PORTUGAL.
