A entidade acadou o pasado xoves 24 o compromiso de Carlo Secchi, responsable comunitario dos corredores atlánticos
O presidente do Eixo Atlántico, Alfredo García e o presidente da Cámara Municipal de Braga, Ricardo Rio, participaron no programa mensual sobre a Eurorrexión que se emite a través de Radio Vigo e Localia Vigo, así como Antena Minho, para a área de Braga.
Durante o programa, presentado por Jacobo Buceta, Alfredo García detallou os resultados da reunión mantida en Bruxelas o pasado día 24 de maio con Carlo Secchi, coordinador europeo da rede Transeuropea de Transportes, para defender a inclusión da liña A Coruña-Vigo-Ourense-Monforte- O Barco-Palencia no Corredor Atlántico, enlazando coa parte do devandito corredor xa aprobado entre Aveiro e a fronteira francesa.
García manifestou a súa satisfacción polos resultados do encontro, no que Carlo Secchi confirmou que a liña A Coruña-Vigo-Ourense-Monforte-O Barco-Palencia será proposta pola Comisión Europea o próximo 6 de xuño para a súa integración no Corredor Atlántico, postura que será remitida para a súa ratificación polo Parlamento e Consello Europeo.
Pola súa banda, o rexedor de Braga explicou a importancia da unión dos alcaldes do norte de Portugal para lograr unha mellor reprogramación dos fondos estruturais e detallou as características do Fórum Braga, unha nova infraestrutura para a realización de congresos, espectáculos e todo tipo de eventos.