Skip to main content

O Eixo Atlántico defende que a nova mobilidade urbana ten que expulsar o vehículo privado

O Eixo Atlántico defende que a nova mobilidade urbana ten que expulsar o vehículo privado

A entidade presentou o Plano de Mobilidade Urbana Sustentable con propostas para 39 cidades do Norte de Portugal e de Galicia. Un novo modelo que penaliza o automóbil privado

O actual modelo de mobilidade, que “ten os días contados”, está na base de disfuncións e de custos económicos nas cidades. “Como expulsar o vehículo privado da cidade” é, pois, a gran cuestión que responde o Plan de Mobilidade Urbana Sustentable do Eixo Atlántico (PMUSEA), presentado, en Póvoa de Varzim, durante o V Seminario de Intercambio de Experiencias no Ámbito da Sustentabilidade.

Segundo o coordinador do estudo, Francesc Cárdenas, a mobilidade urbana do futuro será necesariamente eléctrica e compartida, propondo o PMUSEA que sexa o transporte público, non o privado, o que mande na mobilidade urbana.

Con propostas concretas para cada unha das cidades que forman parte do Eixo Atlántico, o PMUSEA baséase no concepto do transporte público como elemento estrutural do modelo de cidade, con puntos de acceso para todos os residentes nun radio de 300 metros, con miras ao obxectivo de que os desprazamentos internos en vehículo particular nos centros urbanos non pasen do 25%.

O especialista urbano, Francesc Cárdenas, apuntou como meta tamén asumible que máis do 60% do espazo público das cidades que hoxe é para os vehículos particulares sexa devolto ao peón.

“Que sexa o transporte público o que estruture a cidade”, defendeu este especialista en mobilidade sustentable ante alcaldes e técnicos municipais do Norte de Portugal e de Galicia, apuntado  que “o consumo enerxético excesivo, o ruído e a mala calidade de aire” como “disfuncións actuais” da vida urbana resultantes dun modelo de mobilidade que se baseado no transporte particular, as cales deben ser tidas en conta no actual “contexto de emerxencia climática”.

A elaboración do  PMUSEA, en liña co Pacto Ecolóxico Europeo, por un equipo de once especialistas, diagnosticou unha “excesiva dependencia do automóbil privado para percorridos que poden ser feitos a pé ou de bicicleta” e un aumento da taxa de  motorización nas nosas cidades.

Os autores do  PMUSEA indican “a obrigatoriedade de contar con zonas de baixas emisións en cidades con máis de 50 mil habitantes”.  Francesc Cárdenas alertou que “a ocupación dispersa do territorio vai impedir o funcionamento do transporte público”, polo que o plan encomendado polo  Eixo Atlántico no cadro do seu Plan de Acción da Axenda Urbana indica que a cidade compacta é a que mellor potencia a eficacia do transporte público.

Unha densidade correcta permite un sistema de transportes que, doutra forma, será deficitaria, conclúen os autores do  PMUSEA, para o que a densidade ideal sitúase entre os 100 a 300 habitantes por hectárea.

Con todo, a ocupación do territorio no Norte de Portugal e en Galicia caracterízase pola dispersión das poboacións, con zonas de baixa densidade conectadas só polo automóbil privado, polo que avanzar cara a un modelo de ocupación moito máis compacto é a idea que defende a Axenda Urbana do  Eixo Atlántico.