O Eixo Atlántico defende que a liña ferroviaria Porto-Vigo se amplíe ata A Coruña e Lisboa

O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, participou no espazo “A Coruña Opina” da Cadena SER, onde falou sobre a posible implantación dun servizo de tren de cercanías en Galicia
O Eixo Atlántico anunciou o pasado 16 de setembro que Comboios de Portugal confirmou que en decembro de 2025 se repoñerá a conexión ferroviaria directa entre Vigo e Porto a través do Tren Celta, sen necesidade de transbordo en Viana do Castelo.
Non obstante, no marco da mellora da conectividade ferroviaria entre Galicia e Portugal, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, subliñou a necesidade de ampliar este servizo ata A Coruña, co obxectivo de que a cidade non quede á marxe da fachada atlántica ibérica.
Vázquez Mao defendeu que “A Coruña debe mirar cara Porto e Lisboa” para consolidar o seu papel dentro das redes de mobilidade internacionais. Sinalou ademais que estas conexións son estratéxicas non só para o transporte de pasaxeiros, senón tamén para reforzar o papel dos portos, aeroportos e centros tecnolóxicos de Galicia e do norte de Portugal.
O secretario xeral lembrou que Galicia é unha das poucas comunidades que, pese a contar con áreas metropolitanas de máis de medio millón de habitantes, carece dun servizo de tren de cercanías. Neste sentido, destacou que aproveitar as infraestruturas existentes, mellorar as frecuencias e avanzar na conectividade internacional son pasos clave para garantir a cohesión territorial e promover unha mobilidade máis sostible.
O Eixo Atlántico propón, neste contexto, a creación dunha empresa mixta que xestione o servizo ferroviario en substitución de Renfe e CP, con trens de tecnoloxía bitensión que faciliten a circulación en ambos países e permitan estender de forma efectiva a conexión Porto–Vigo–A Coruña.
Pódese escoitar a entrevista completa aquí: