Skip to main content

O Eixo Atlántico debate en Carcassonne novas fórmulas para previr incendios forestais

O Eixo Atlántico debate en Carcassonne novas fórmulas para previr incendios forestais

A través do proxecto europeo USE4FOREST, defende a recuperación da actividade e a xestión do monte como claves para reducir o risco de incendios e fixar poboación no rural

O Eixo Atlántico participa en Carcassonne (Francia) nun congreso europeo centrado na prevención de incendios forestais, no que se analizan novas estratexias e modelos de xestión para anticiparse aos incendios e reducir o seu impacto. O encontro enmárcase no proxecto europeo USE4FOREST, desenvolvido no marco do programa Interreg SUDOE 2021-2027. whatsapp image 2026 11 23 at 13.20.15

A representación do Eixo Atlántico corre a cargo de Alfredo García, exalcalde do Barco de Valdeorras e expresidente do Eixo Atlántico. No encontro participan tamén representantes da Deputación de Ourense e da Comunidade Intermunicipal de Trás-os-Montes, xunto con outros socios e entidades vinculadas ao proxecto.

Durante o congreso, o Eixo Atlántico defende un modelo de prevención que vaia máis alá da actuación sobre o lume e que se centre na xestión activa do monte e na presenza de actividade económica e poboación no territorio.

Neste sentido,o Eixo Atlántico resume esta filosofía nunha idea: “O monte arde onde non está coidado, e non está coidado onde non está habitado”. Unha reflexión que pon o foco na relación entre o abandono do territorio, a perda de actividade económica no rural e o aumento do risco de incendios forestais.

Esta é precisamente a liña de traballo do proxecto USE4FOREST, que aposta pola adaptación da xestión forestal e promover novos aproveitamentos que contribúan á conservación do monte e á creación de oportunidades económicas no rural.

Un exemplo concreto é a experiencia piloto de “cortalumes produtivos” que o Eixo Atlántico desenvolveu no Barco de Valdeorras, na parroquia de Alixo. A iniciativa combina a recuperación e xestión de parcelas forestais con capacitación en novos aproveitamentos micolóxicos e silvícolas, así como actividades como a apicultura, o cultivo de plantas aromáticas e medicinais ou o silvopastoreo.

O obxectivo é demostrar que un monte coidado, produtivo e vinculado á actividade das persoas que viven no territorio é tamén un monte máis preparado fronte aos incendios.

A participación neste congreso permite compartir experiencias con outros territorios europeos, coñecer novas iniciativas e avanzar na cooperación para desenvolver modelos de prevención que combinen a protección ambiental, a xestión forestal e o desenvolvemento rural.