Skip to main content

O Eixo Atlántico contará cun orzamento de 4,3 millóns de euros para a execución de programas e actividades en 2019

O Eixo Atlántico contará cun orzamento de 4,3 millóns de euros para a execución de programas e actividades en 2019

Colaborará con Lipor, a entidade de xestión de residuos de Porto, para mellorar a reciclaxe e reutilización nos municipios do Eixo

 A comisión executiva do Eixo Atlántico aprobou esta mañá a proposta da secretaría xeral para o orzamento de 2019, que ascende a 4,3 millóns de euros.

Segundo se detallou durante a reunión celebrada no Pazo de Mugartegui de Pontevedra, o 75% deste orzamento, que deberá ser ratificado pola asemblea xeral da entidade en febreiro, destinarase ao desenvolvemento de programas, entre eles dos Xogos do Eixo, que se celebrarán en Braga en xullo, a feira de turismo de proximidade Expocidades, tamén en Braga, a Bienal de Pintura, os traballos da Axencia de Ecoloxía, a elaboración de informes e estudos, así como as estratexias que desenvolve en materia de infraestruturas, internacionalización, colaboración con América Latina e acción exterior, ou os traballos para a posta en marcha do Plan de Acción da Axenda Urbana. Un plan que xa foi ratificado pola executiva e que deberá ser ratificado pola asemblea xeral. A partir dese momento constituirá a posición política que cada cidade aplicará na medida dos seus intereses e necesidades.

A comisión executiva ratificou tamén a candidatura da cidade de Braga para acoller a Capital da Cultura do Eixo Atlántico en 2020, así como o Seminario de Intercambio de Experiencias no Ámbito da Educación en Barcelos, no segundo trimestre de 2019.

Durante a reunión informouse da situación das infraestruturas coa chegada da electrificación ferroviaria da Linha do Minho até Barcelos en novembro e a previsión da súa chegada a Viana en xaneiro. Ademais, tamén se informou da reunión que os representantes do Eixo van manter en Madrid este mes co secretario xeral de Infraestruturas para falar da situación da saída sur ferroviaria de Vigo cara a Portugal ou as conexións interiores como é o caso da A76 e o Corredor Atlántico.

Convenio con Lipor

Ao finalizar a reunión, o presidente do Eixo, Alfredo García, e Aires Pereira, presidente de Lipor - Serviço Intermunicipalizado de Gestão de Residuos do Grande Porto -Aires Pereira, asinaron un protocolo de colaboración co obxectivo de mellorar a xestión dos residuos domésticos nos municipios do Eixo Atlántico.

Este protocolo busca axudar ás cidades no cumprimento do obxectivo 2020 para a reciclaxe e reutilización, tanto en España como en Portugal, facilitar o acceso o financiamento europeo e aumentar a proxección como grupo de influencia en materia de xestión de residuos na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

GALERÍA DE FOTOS