Skip to main content

O Eixo Atlántico celebrará a súa asemblea xeral este mércores en Lugo

O Eixo Atlántico celebrará a súa asemblea xeral este mércores en Lugo

Inaugurarase tamén unha exposición conmemorativa con motivo dos 25 anos da creación desta entidade

O Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular celebrará a súa asemblea xeral mañá, día 15 de febreiro, no Museo Interactivo da Historia de Lugo.

A asemblea estará presidida polo alcalde de Viana do Castelo, José Mª Costa, e contará coa participación do presidente do Eixo Atlántico, Ricardo Rio; o vicepresidente, Alfredo García; e o secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao, así como representantes das 38 cidades e entidades que integran o Eixo.

Esta asemblea terá lugar coincidindo co 25 aniversario da creación do Eixo Atlántico, motivo polo cal tamén está prevista a inauguración dunha exposición conmemorativa na Praza Maior de Lugo. Trátase dunha instalación composta por 36 lonas articuladas en forma de cubos onde se fai un percorrido pola historia do Eixo e os seus grandes fitos de cooperación transfronteiriza e vertebración do sistema urbano.

Cronograma
A asemblea dará comezo ás 10.30 horas coa benvida da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez. Posteriormente a orde do día continuará coa aprobación do balance de xestión, do informe económico, así como do programa ou o orzamento para este ano 2017, entre outros asuntos.

Sobre as 13.30 horas está prevista a clausura da asemblea, coa asistencia do secretario de Estado de Infraestruturas, Julio Gómez Pomar.