O Eixo Atlántico avanza na construción do Mapa de Cohesión Social da Eurorrexión nunha reunión en Lugo
O documento, pioneiro no seu ámbito, pretende ser unha radiografía da situación real dos municipios que permitirá ás administracións locais e provinciais deseñar políticas de actuación coas que atallar a vulnerabilidade
A reunión, que se celebrou na Casa Consistorial, contou coa presenza da Presidenta do Eixo e alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e da concelleira de Benestar, Olga López Racamonde. O encontro serviu para presentar e debuxar pormenorizadamente o resumo dos datos obtidos durante o traballo de campo realizado ata a data e progresar, así, na elaboración definitiva do documento, cuxa creación foi adxudicada, en concurso público, á Universidade de Deusto.
O Mapa de Cohesión é un documento innovador co que o Eixo Atlántico permite afondar nas causas que orixinan a vulnerabilidade económica e social da poboación relacionada con factores como a seguridade, a educación, a saúde e mesmo a participación no ámbito político.
A Presidenta do Eixo Atlántico, Lara Méndez, asegurou que: “Trátase dunha ferramenta pioneira que terá unha gran transcendencia en tanto nos permitirá aos municipios relacionar todas estas cuestións coas brechas, transversais, de xénero, xeracional e mesmo dixital, xa que a análise que se faga será como unha foto fixa dos municipios que nos permitirá deseñar e desenvolver políticas de ámbito local acordes a esa realidade”.
Pola súa banda, a edil de Benestar, Olga López Racamonde, referiu algunhas das conclusións que se expuxeron na sesión cocreativa celebrada esta xornada e nas que se pon de manifesto que os núcleos urbanos que pertencen ao Eixo comparten unha cobertura sanitaria e educativa universal.
“A percepción de seguridade está estendida, a dixitalización e as transformacións socioeconómicas alcanzaron xa todos os espazos físicos e a maioría dos e das habitantes, independentemente de onde residan, gozan dunha elevada esperanza de vida, teñen acceso a unha alimentación de calidade, se aloxan en barrios e casas dignas e teñen acceso a espazos verdes e transporte público axeitados”, explicou a concelleira.
López Racamonde indicou alén que, pola contra, existe un 25% de persoas que se atopan en risco de pobreza e exclusión, en maior ou menor grao, e que se concentran en similares porcentaxes en todas as cidades que compoñen a eurorrexión atlántica.
“A pandemia acentuou a situación de fraxilidade das persoas que teñen peores condicións de vivenda, que necesitan máis a presencialidade da educación para os seus fillos e que padeceron en maior medida os problemas xerados pola falta de recursos para acceder dixitalmente a servizos e políticas públicas esenciais”, abondou.