O Eixo Atlántico asiste en Bruxelas a unha sesión de traballo coa Comisión Europea para defender os intereses das áreas rurais e periurbanas no próximo período financeiro 2028-2034
A entidade participa por cuarta vez neste grupo de traballo do Pacto Rural, que reúne a responsables políticos e representantes territoriais para debater o futuro das zonas rurais na UE
O Eixo Atlántico participou en Bruxelas na sesión de traballo “Rural areas and communities in the post-2027 EU budget and policies”, organizada pola Oficina de Apoio ao Pacto Rural (Rural Pact Support Office) da Comisión Europea.
O encontro, celebrado no Pullman Brussels Centre Midi, reuniu a representantes institucionais e actores rurais de toda Europa para analizar as propostas da Comisión sobre o orzamento e as políticas da Unión Europea para o período 2028-2034, co obxectivo de garantir que as áreas rurais e periurbanas ocupen un lugar destacado nas novas estratexias europeas.
Durante a xornada, os participantes debateron os riscos e as oportunidades que presentan as propostas da Comisión, así como as vías para fortalecer a participación das comunidades rurais nos procesos de consulta e decisión. Tamén se abordaron posibles sinerxías entre as políticas de cohesión, agrícolas e de desenvolvemento territorial, no marco do novo Fondo Europeo para a Cohesión Económica, Social e Territorial, Agrícola e Rural, Pesqueira e Marítima.
O Eixo Atlántico, que participa por cuarta vez nos traballos do Pacto Rural, defendeu a necesidade de manter un enfoque integrado para as áreas rurais e periurbanas, con especial atención aos territorios transfronteirizos do noroeste peninsular. A entidade subliñou a importancia de que as futuras políticas da UE recoñezan a especificidade destas zonas, onde a cooperación transfronteiriza resulta clave para o desenvolvemento sustentable e a cohesión social.
O encontro forma parte das actividades do Rural Pact, unha iniciativa europea que promove o diálogo e a cooperación entre institucións, rexións e comunidades rurais para avanzar na implementación da Visión a Longo Prazo para as Zonas Rurais da UE (Horizon 2040).