Skip to main content

O Eixo Atlántico apremia conectar A Coruña e Ferrol en 40 minutos

O Eixo Atlántico apremia conectar A Coruña e Ferrol en 40 minutos

O estudo estima un investimento de 730 millóns de euros. O actual tren tarda máis dunha hora e desincentiva a mobilidade sustentable.

17 de marzo de 2021O Eixo Atlántico urxe un investimento estratéxico en mobilidade sustentable entre A Coruña e Ferrol coa recuperación da aposta por un liña ferroviaria electrificada que permita conectar as dúas urbes en menos de 40 minutos, o que suporía a redución a máis da metade do tempo actual de viaxe en Alvia e Media Distancia cun orzamento mínimo de 730 millóns de euros, tal como recolle o Informe sobre a liña ferroviaria A Coruña-Ferrol. O documento foi presentado hoxe no Concello de Ferrol coa presenza do alcalde, Ángel Mato, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, e o autor do estudo, o enxeñeiro e catedrático de Enxeñaría e Infraestrutura dos Transportes Miguel R. Bugarín.

“Tardamos un 70% máis en viaxar entre as dúas cidades nun tren de media distancia que nun automóbil ou autobús por autoestrada, o que obriga aos usuarios a pagar máis e a utilizar modalidades de transporte menos sustentables”, sinalou Bugarín, quen explicou que a orografía e as limitacións de velocidade da vía férrea non permiten reducir os tempos da viaxe, polo que a alternativa de maior aforro en tempo é investir na electrificación, cunha soa parada en Betanzos. 

O informe conclúe que a liña A Coruña-Ferrol é utilizada por 40.073 viaxeiros/ano, cunha tendencia decrecente, e ten un déficit  anual de 1,9 millóns de euros. Cun aproveitamento (oferta de prazas/km anuais efectivamente utilizadas) do 10,5% e unha porcentaxe de viaxeiros recorrentes do 8,3%, é considerada unha liña ferroviaria ineficiente. 

“Esta infraestrutura ten que estar na axenda política do goberno galego e nas conversas co Ministerio. É fundamental non só para Ferrolterra, senón tamén para A Coruña e Galicia”, afirmou o alcalde de Ferrol, Ángel Mato. “Temos que apostar pola mellora da mobilidade ferroviaria, como un alicerce esencial para o desenvolvemento dos municipios. E temos que apostar pola conexión A Coruña- Ferrol, pero adaptada ao noso tempo: que sexa eficaz, áxil, moderna  e ecolóxica”, salientou a alcaldesa da Coruña, Inés Rey.

O Eixo Atlántico, con 29 anos, é o sistema urbano transfronteirizo máis antigo de Europa. Coa incorporación este ano de Ponteareas e a Deputación de Ourense e dos municipios portugueses de Amarante e Gondomar, conta con 39 entidades locais, que suman 7 millóns de habitantes entre a poboación directa e indirecta.