O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, alertou da posibilidade de que o Goberno español non chegue a tempo de presentar un bo plan director para solicitar os fondos de Connecting Europe Facility (CEF).
Galicia, xunto a Asturias e Castela e León, están á espera das obras de mellora no chamado ramal noroeste do corredor Atlántico da Rede Transeuropea de Transporte de mercadorías por ferrocarril. Para todas elas, a primeira estimación do Adif é de 3.558 millóns, dos que 1.293 son para renovacións e o resto para novas construcións.
Tal e como recolle na súa edición de hoxe venres o O Correo Galego, a cofinanciación dos fondos CEF (30.615 millóns para as infraestruturas en toda Europa durante o período 2021-2017) nas obras van do 30% até o 50%, aínda que cada Estado membro pode engadirlles os de cohesión limitados a que, entre ambos, non superen o 85%.
Vázquez Mao lembra que o 5 de marzo de 2019, envioulle unha carta ao ministro de Fomento de entón e de Transportes agora, José Luís Ábalos, pedíndolle coñecer o plan director, e preguntando se habería un debate ou un prazo de presentación de alegacións. Iso foi quince días despois de que mediante un se power point presentaran os plans xerais para o corredor. Desde entón, asegura, non ten noticias e descoñece se o borrador de outubro de 2018 do ADIF é o plan definitvo.
“O único que coñecemos é o power point presentado e queremos o detalle das actuacións a executar”, sinala Vázquez Mao, quen asegura que Galicia está xogándose futuro nesta infraestrutura, que parte da renovación da vía actual e novas actuacións como a necesaria para salvar a zona montañosa do Manzanal.
Por iso lanza unha chamada aos políticos para que pregunten no Congreso en que situación se atopa o proceso de petición de fondos para proxectos concretos que se ten que efectuar neste ano. “De non conseguilos neste primeiro paquete sufririamos un atraso de sete anos”, advirte, xa que ese é o ciclo dos orzamentos comunitarios.
O secretario xeral do Eixo lembra que o ramal do corredor Atlántico utilizará a actual vía que entra desde Ponferrada polo Barco de Valdeorras ao Porto Seco de Monforte, onde os trens seguirán a Ourense, Vigo, Pontevedra, Vilagarcía, A Coruña e Ferrol, conectando todos os portos galegos da fachada atlántica para dar saída ás súas mercadorías.