Skip to main content

O Eixo Atlántico adapta a súa Axenda Urbana á era post-Covid

O Eixo Atlántico adapta a súa Axenda Urbana á era post-Covid

Está inmerso nunha reformulación da política económica e social das entidades locais que o conforman, coa sustentabilidade, a innovación, a política social ou o desenvolvemento económico como eixos verticais e a rexeneración urbana como eixo transversal

11 de marzo de 2021O Eixo Atlántico está inmerso na adaptación da súa Axenda Urbana, a primeira transfronteiriza en Europa e homologada pola Comisión Europea, aos procesos post-Covid, cunha reformulación da política económica e social das entidades locais que o conforman, coa sustentabilidade, ea innovación, a política social ou o desenvolvemento económico como eixos verticais e a rexeneración urbana como eixo transversal. Consciente da necesidade pero tamén oportunidade de reformulación de estratexias que supón a pandemia, e tras as conclusións acadadas na Conferencia de Alcaldes celebrada en setembro en Pontevedra, a organización vén de crear cinco comisións políticas para definir as novas políticas en varios ámbitos: sustentabilidade, rexeneración urbana, innovación, política social e económica.

“Hai algo que ninguén dubida, e é que nada será igual despois da pandemia. A dixitalización, os novos hábitos de consumo cultural, a prevalencia do comercio de proximidade (en contraste co papel que xogou o comercio electrónico), a importancia da investigación e da saúde ou o reforzo dos servizos públicos son algunhas das ensinanzas que van cambiar o noso horizonte inmediato”, sinala o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, quen incide na importancia de que as administracións se redefinan e impulsen a dixitalización, a mobilidade urbana, a xestión de residuos e a eficiencia enerxética, entre outras prioridades.

Da Conferencia de Pontevedra conclúese que a pandemia se presenta como unha oportunidade para mudar o modelo económico e social e introducir de forma transversal a sustentabilidade nas políticas. “Debemos renunciar á economía especulativa en beneficio dunha redistributiva e eliminar os vicios e perversións dun modelo laboral low cost para apostar pola excelencia, na que somos moito máis competitivos. Tamén haberá que intervir no modelo social, o máis vulnerable pola crise, para evitar as exclusións permanentes do sistema de quen se viron afectados pola pandemia. A sustentabilidade será outro dos aspectos determinantes, cun acento especial na mobilidade e nas industrias non contaminantes: non se trata de que todos os coches sexan eléctricos, senón de conseguir que se deixe de recorrer ao vehículo privado ubicando os servizos públicos na contorna de onde viven os usuarios, complementado cunha boa rede de transporte público urbano e interurbano”, engadiu o secretario xeral.

A Axenda Urbana do Eixo Atlántico, cun traballo de elaboración de dous anos nos que tamén se elaborou o seu plan de acción, constitúe un poderoso instrumento para a resiliencia, a partir da análise e as experiencias da crise económica do 2008. Non só inclúe unha análise detallada da realidade socioeconómica e territorial, senón tamén das causas da crise e o seu impacto no territorio, co fin de identificar as estratexias e medidas a desenvolver, tanto nas cidades como nas administracións que teñen competencias nelas.

De última xeración e en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable 2030, a Axenda Urbana do Eixo Atlántico xa comezara a aplicarse no contexto da recuperación da crise económica de 2008, cun plan de mobilidade urbana sustentable, un mapa de cohesión social, estratexias para a captación de investimentos e fixación e captación de talento ou o impulso de novos conceptos como o turismo de fronteira e o turismo de autor. Co impacto da pandemia, a axenda adaptarase ao novo contexto socioeconómico do sistema urbano da Eurorrexión de Galicia e o Norte de Portugal.