O Eixo Atlántico achega unha necesaria Política de Acción Exterior para Galicia no seu último informe
Defende a creación dunha acción exterior verdadeiramente participativa, a través do CAEX
A actual liña política de acción exterior de Galicia ten perfil baixo, carecendo de profundidade estratéxica. A acción exterior é máis que a presenza da Administración Autonómica nos órganos da Unión Europea. Debe ser un conxunto de obxectivos e principios, desenvolvidos por múltiples actores, institucionais e privados, que debe de ser coordinada, ordenada e potenciada.
Baixo esta premisa e, en consonancia cos seus propios obxectivos fundacionais a favor da cohesión económica do territorio, o Eixo Atlántico vén de publicar o Informe sobre a Política de Acción Exterior para Galicia, elaborado por José Luis Méndez Romeu, Xulio Ríos, Andoni Aldekoa, Daniel Prieto Renda e José Palma Andrés.
Trátase dun documento de síntese, cunha estratexia de Acción Exterior viable, tomando como referencia experiencias de éxito na nosa contorna.
O informe foi entregado hoxe no Parlamento de Galicia ao voceiro socialista Xoaquín Fernández Leiceaga, no marco dunha rolda de presentación do informe aos distintos axentes sociais galegos. No acto participaron o presidente do Eixo Atlántico, Alfredo García, o secretario xeral, Xoán Vázquez Mao e José Luís Méndez Romeu, coordinador do informe.
O Informe ten tres partes diferenciadas:
Na primeira analízase o marco político e xurídico actual así como a evolución seguida desde a creación do Estado autonómico, dando conta dunha realidade moi distinta da que foi inicialmente concibida polo lexislador constituínte.
O segundo capítulo pretende deseñar una Acción Exterior para Galicia a través de catro diferentes contribucións. A primeira é unha reflexión global sobre o balance e os retos principais. A segunda contribución analiza un caso de éxito recoñecido e premiado, a proxección internacional de Bilbao e o marco de internacionalización do País Vasco. O terceiro texto é unha análise da situación das empresas galegas ante a exportación. O último dos textos deste capítulo sistematiza unha Estratexia para Galicia.
O terceiro capítulo analiza o papel das Macrorrexións europeas, no marco das cales existe a posibilidade de crear unha Macrorrexión para o Arco Atlántico, revisando as condicións necesarias e a estratexia posible.
Finalmente formúlanse conclusións xerais que complementan as dos diferentes textos anteriores.
Conclusións
O informe achega unha serie de conclusións de carácter xeral, como a necesidade de crear unha acción exterior verdadeiramente participativa, a través do CAEX; de carácter organizativo, como que a Fundación Galicia- Europa debe recuperar o seu papel como punto de encontro de intereses institucionais e privados, potenciando o seu papel en Bruxelas; sobre os obxectivos, como o impulso de políticas transversais no turismo ou a mobilidade; ou sobre a Eurorrexión, como a necesidade de reactivar a actual Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal.