O Eixo Atlántico achega á Comisión Europea propostas para a recuperación do sector turístico
Estamos ante unha oportunidade única para o nacemento dunha política europea de turismo e o establecemento dun programa financeiro específico de apoio ao turismo o que implica a necesidade de promover o turismo de proximidade e de fronteira
O Eixo Atlántico, a través da rede EPICAH que lidera, rede integrada por entes locais e rexionais de oito fronteiras europeas, enviou á Comisión Europea un documento con propostas elaboradas polas cidades membros do Eixo Atlántico e dos demais socios que participan na rede. Este documento expón á Comisión Europea necesidades e prioridades identificadas desde a base de cada territorio para ser tomadas en consideración no deseño das políticas de reconstrución.
Este documento foi, así mesmo, remitido aos eurodeputados que participaron na reunión interparlamentaria celebrada en Bruxelas en 2019 para impulsar o turismo de fronteira, e serán remitidas nos próximos días ao grupo de traballo que está a preparar a presidencia portuguesa de quenda do Consello da Unión Europea, que se inicia o próximo mes de xaneiro.
Nas propostas recóllense elementos tan importantes como que o apoio económico que está a preparar a Comisión se distribúa desde os ámbitos locais e rexionais para que chegue aos recursos turísticos do territorio e non para que o teñan os grandes operadores europeos e que os Programas de Cooperación Transfronteiriza apoien a recuperación do turismo nas zonas fronteirizas.
Estamos ante unha oportunidade única para o nacemento dunha política europea de turismo e o establecemento dun programa financeiro específico de apoio ao turismo o que implica a necesidade de promover o turismo de proximidade e de fronteira como un turismo accesible que, ademais, adoita basearse en elementos asociados ao patrimonio cultural e/ou natural do territorio e que conta cun forte compromiso a escala local.
Tamén é urxente abordar os problemas e incomodidades asociados ás viaxes tales como os diferentes protocolos de seguridade nos aeroportos ou as restricións sobre equipaxe de man
Na historia recente do turismo, este sector nunca tivo que se enfrontar a unha crise internacional das dimensións da causada pola pandemia do Covid-19, que afectou, ao mesmo tempo, aos principais destinos turísticos. Europa debe transformar os efectos do COVID19 nunha oportunidade de cambiar cara a un modelo máis sustentable, de apoiar o turismo de proximidade, e dentro del o transfronteirizo, como “xerador de confianza” para relanzar en turismo en Europa, vendendo as fronteiras europeas como destinos seguros.
Máis que nunca, é o momento de lanzar unha verdadeira Política Integrada Europea de Turismo, que transforme a Europa nunha referencia mundial. O turismo debe volverse estratéxico debido ao seu peso económico e social, e porque se basea nunha rica historia europea e unha diversidade cultural europea que non ten prezo.