O Concello do Barco de Valdeorras participa nunha experiencia piloto de “cortalumes produtivos” no marco do proxecto europeo USE4FOREST
Unha iniciativa impulsada polo Eixo Atlántico, no marco de Interreg SUDOE, que aposta por novos modelos de prevención de incendios e desenvolvemento rural sostible
As dependencias do Viveiro de Empresas do Barco de Valdeorras, albergaron a presentación do proxecto S1/2.4/E0022 USE4FOREST, impulsado polo Eixo Atlántico dentro do programa europeo Interreg Sudoe 2021-2027, que busca desenvolver unha experiencia piloto de “cortalumes produtivos” na parroquia de Alixo, que servirá como ferramenta para a prevención de lumes forestais.
No marco do proxecto, levaranse a cabo un conxunto de tarefas de xestión integral de parcelas forestais para a súa recuperación e a posta en marcha de novos modelos de aproveitamento micolóxico e silvícola.
Co obxectivo de implementar os mencionados modelos, que permitirán a restauración e consolidación do terreo, así como a formación de novos postos de traballo que contribúan á fixación da poboación e revalorización do territorio, o Concello do Barco anunciou a posta a disposición dun centro de formación que ofreza os recursos formativos necesarios para que todos os interesados adquiran a capacitación laboral necesaria que lles permita realizar os diferentes aproveitamentos forestais.
Entre as actividades formativas previstas figuran módulos de micoloxía, repoboación de castiñeiros, cultivo de prantas aromáticas e medicinais, apicultura ou silvopastoreo, ademais dun curso transversal de emprendemento e revalorización rural. Dita formación está aberta tanto a persoas que dispoñan de terreos, como a quenes queiran iniciarse neste tipo de actividades.
Para levalas a cabo, o proxecto conta co apoio da Deputación de Ourense na adquisición de ferramentas, subministros e material agrícola e forestal, ademais da xestión do servizo de labores de acondicionamento e preparación dos terreos cedidos por este Concello.
No acto de presentación, ademais do alcalde do Barco, Aurentino Alonso, interveu o deputado de Dinamización do Medio Rural da Deputación de Ourense, Xosé Miguel Pérez Blecua, e o responsable do Departamento Agrotech de Sinerxia, Pablo Condo.